DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sétima ruta deste curso académico terá lugar o día 2 de marzo

As andainas universitarias continuarán o seu ciclo de montaña en Cabeza de Manzaneda

A inscrición está aberta a persoas da comunidade universitaria e de fóra dela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 22/02/2024

A programación das rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo continúa o sábado 2 de marzo cunha nova andaina de montaña que descorrerá por Cabeza de Manzaneda. A inscrición está aberta a membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela.

Este novo roteiro, titulado Ruta 7. Ciclo Montaña II. Cabeza de Manzaneda, conta cunha distancia de 19 quilómetros e unha dificultade media-alta. Seguirá o percorrido Estación Invernal de Manzaneda, aldea de Prada, Requeixo e San Miguel. A andaina, indican desde a súa organización, “levaranos polos fascinantes glaciares de Manzaneda e Prada, proporcionando unha visión única do pasado xeolóxico da rexión”. Ao alcanzar a cima de Cabeza Grande, engaden, as persoas participantes gozarán “dunhas vistas panorámicas impresionantes”.

Como nas demais rutas universitarias, hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da institución académica. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Tras esta andaina seguirán outras por O Rosal, Las Médulas e Carnota, prolongándose a programación ata o 20 de abril.