DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto, no que participan Universidade e Consellería do Mar, rematará en 2020

Aplicacións informáticas para mellorar a xestión da pesqueira tradicional da navalla

Unha App recollerá información sobre o estado reprodutor do bivalvo para axudar a reducir as vedas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 02/07/2019

O marisqueo manual e tradicional non é incompatible co uso de novas tecnoloxías para optimizar a explotación dos recursos. Mostra disto é o sector da navalla, que leva anos traballando co persoal científico para desenvolver ferramentas que permitan optimizar o proceso extractivo e facelo máis sustentable. De feito, tras unha experiencia previa levada a cabo na ría de Pontevedra, a Universidade de Vigo e a Consellería do Mar uniron esforzos nun proxecto de tres anos de duración sobre a variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla na ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira. 

Neste proxecto, liderado polo CIMA de Corón, participan por parte da Universidade de Vigo investigadores do Centro de Investigación Mariña, tanto do grupo EcoCost como da Ecimat, e do Grupo de Tecnoloxías da información de atlanTTic. A  finalidade é dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, estudando, entre outros parámetros biolóxicos, a heteroxeneidade espacial na reprodución a través de métodos de estudo sinxelos reproducibles nas confrarías. Os datos obtidos a través destes métodos, baseados nas características macro e microscópicas da gónada, serán introducidos de forma continua polos navalleiros, asistencias técnicas das confrarías e biólogos e xestores da Consellería nunha App. Trátase de crear unha ferramenta, elaborada tanto para computadores como para dispositivos móbiles, que permita a todos os implicados na explotación e xestión do recurso visualizar o estado reprodutivo do recurso nos distintos bancos e así identificar o mellor momento e lugar para traballar, reducindo no posible os períodos de peche e os descartes de exemplares producidos pola rotura do pé ao realizar a extracción nos momentos posteriores ás principais postas, un proceso coñecido por capamento.

Pasado xa máis de ano e medio dende o arranque do estudo tanto o persoal científico da Universidade de Vigo como os navalleiros, o persoal das confrarías, biólogos da Consellería do Mar e investigadores do CIMA están xa recollendo datos, analizando información, desenvolvendo a ferramenta informática e participando en obradoiros formativos, que teñen lugar na Ecimat.

Explotación sostible para unha especie estratéxica

En España a navalla é unha das seis especies comerciais de bivalvos máis importantes, realizándose a súa explotación principalmente en Galicia, pero a maioría das pesqueiras de pequena escala ou artesanais non teñen a información detallada necesaria para comprender o verdadeiro estado do recurso e carecen dunha guía científica que axude na toma de decisións, polo que os investigadores insisten en que “é necesario que acheguemos ao sector ferramentas de xestión sinxelas previamente validadas por métodos científicos”. É neste contexto no que nace o proxecto que une coñecementos e esforzos da comunidade científica e a administración, que na actualidade están a estudar a variabilidade do ciclo reprodutivo, a talla de primeira posta e a fecundidade da navalla na ría de Vigo desde os bancos máis interiores (Rande) ata os máis exteriores (illas Cíes). Paralelamente, investigadores de atlanTTic están a desenvolver unha plataforma para a visualización do estado reprodutivo do recurso dos distintos bancos que inclúa un servidor de base de datos accesible remotamente, un servidor de proceso e páxinas web de entrada/saída para mariscadores, asistencias técnicas e biólogos de zona, para móbiles Android e iOS e ordenadores de sobremesa. “Esta ferramenta permitirá visualizar o estado reprodutivo nos distintos bancos que se estean a explotar co fin de introducir este criterio biolóxico na toma de decisións sobre a apertura ou peche” de cada zona.

Proxecto baseado nun estudo previo

Este proxecto nace dun estudo previo realizado na ría de Pontevedra e coordinado por Elsa Vázquez e Gonzalo Macho, do grupo Ecocost, no que a investigadora do Centro de Investigación Mariña Alba Hernández fixo a súa tese de doutoramento. Parte dos resultados desta permitiron “desenvolver unha ferramenta de xestión sinxela que permite adaptar o estado gonadal do recurso á súa explotación, mediante o uso de dúas técnicas rápidas, baratas e reproducibles polas asistencias técnicas que achegan información sobre o estado reprodutor da navalla”, remarca a científica. O seu uso permitiu reducir a veda a un mes debido á diferencia no inicio e na duración do ciclo reprodutivo existente entre os distintos bancos da ría de Pontevedra. Os resultados acadados na ría de Vigo permitirán mellorar e validar os métodos empregados na de Pontevedra. A ferramenta poderá ser tida en consideración para a aplicación destas e outras ferramentas similares no resto de pesqueiras de bivalvos de Galicia.

Obradoiros na Ecimat

Dentro do plan de traballo do proxecto, ademais das mostraxes e estudos de laboratorio, estanse a desenvolver unha serie de obradoiros prácticos. O último deles celebrouse este venres en Toralla coa participación máis dunha vintena de persoas, entre os que se atopaban navalleiros das confrarías de Moaña e Ribeira, asistencias técnicas de varias confrarías de Galicia, biólogos de zona e xestores da Consellería do Mar. Durante a xornada repasouse e afondouse nos métodos empregados para coñecer dunha forma sinxela o estado reprodutivo da navalla, presentáronse os resultados preliminares do ciclo biolóxico na ría de Vigo e o estado actual de desenvolvemento da aplicación informática. Tras as presentacións teóricas, as persoas participantes debateron sobre o método e a App, co fin de incorporar, na medida do posible, todos os aspectos identificados polo sector que melloren a xestión do recurso.
 
No ano 2020 celebraranse outros dous obradoiros, o primeiro deles centrado en amosar e discutir os datos finais do estudo do ciclo reprodutivo e presentar a plataforma xerada, que xa estará sendo empregada polo sector dende finais deste ano a modo de proba. O derradeiro taller servirá para facer un seguimento da aplicación para poder poñela a punto antes de ser posta a disposición de todos os seus usuarios. A plataforma estará aberta para todos os actores implicados na explotación e xestión da pesqueira da navalla en toda Galicia e será xestionada pola propia Consellería do Mar.