DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha carpa informativa e lúdica situada na rúa do Paseo

Arranca en Ourense o programa de divulgación científica 'Ciencia con C de CINBIO'

A programación continuará en Vigo os días 11 e 15 de setembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 05/09/2023

Un ano máis, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, CINBIO, celebra este mes de setembro o seu ciclo de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. O seu principal obxectivo é dar a coñecer ao público xeral as investigacións e a ciencia que se está a levar a cabo na actualidade neste centro, dando visibilidade ao seu traballo diario. A programación arrancou este luns pola tarde no centro da cidade de Ourense, cunha carpa informativa e lúdica, e continuará en Vigo os días 11 e 15 de setembro.

Con esta iniciativa, a entidade quere compartir unha vez máis a ciencia coa sociedade en xeral, para que calquera persoa poida acceder de primeira man ao proceso de xeración de coñecemento na investigación. Trátase dunha actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional: Unha maneira de facer Europa.

Carpa en Ourense

A rúa do Paseo da cidade de Ourense acolleu estes luns, de 16.00 a 20.00 horas, o inicio desta programación cunha carpa destinada a que o público interesado puidese coñecer de preto o traballo que se fai desde un centro de investigación como o CINBIO. Ademais do seu persoal de xestión, tamén estivo a pé de rúa persoal investigador do grupo de Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) e do grupo de Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), que amenizaron a tarde das e dos visitantes con xogos e experimentos como a creación de “boliñas de cores” a partir de alxinato, un composto que se obtén a partir de algas; un “xogo de maxia” a través do uso de polímeros hiperhidratables ou a demostración dunha “hipnose falsa” xirando un disco que satura os receptores do cerebro do movemento.

Carpa e xornada de portas abertas en Vigo

O vindeiro luns 11 de setembro a programación de Ciencia con C de CINBIO achegarase ao público vigués. Entre as 16.00 e as 20.00 horas, as persoas interesadas poderán visitar a carpa habilitada polo CINBIO na rúa do Príncipe da cidade de Vigo e pasar unha tarde diferente, coñecendo o labor do persoal investigador do centro e participando nunha pequena xincana científica ou experimentos similares aos de Ourense, ademais de gañar algún que outro premio.

A programación culminará o día 15 de setembro coa celebración da Xornada de Portas Abertas no CINBIO. Arredor das 16.00 horas, este Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina abrirá as súas portas e as súas instalacións do campus universitario de Vigo a arredor de 70 persoas, que poderán visitar de balde e ao longo de tres horas os distintos laboratorios do centro e participar en experimentos organizados polas súas investigadoras e investigadores. Para poder asistir é necesario reservar praza a través dun formulario dispoñible na páxina web do CINBIO. Na actualidade as 70 prazas dispoñibles están cubertas pero está activo o formulario para poder xerar unha listaxe de agarda.

Os grupos de investigación que participarán nesta xornada de portas abertas son TeamNanoTech (TNT), Química Orgánica (ORCHID), Sistemas Informáticos de Nova Xeración (SING), Inmunoloxía, Grupo de NanoBioMateriais Funcionais (FunNanoBio), Filoxenómica e Neurocircuits. Algunhas das actividades que realizarán serán unha pequena xincana científica con probas a través do uso do teléfono móbil; demostracións “prácticas, vistosas e sinxelas” sobre a aplicación dos nanomateriais; unha simulación do espectro do Sol a través do simulador solar; un  breve obradoiro sobre as aplicación prácticas da intelixencia artificial no ámbito sanitario e unha minipresentación do mundo das nanopartículas e un experimento de síntese de nanopartículas metálicas.