DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Serán dez sesións en liña de 15.30 a 17.00 horas ao longo dos próximos tres meses

Arranca esta semana unha nova edición dos Xoves Empregables

O programa ten como obxectivo preparar a estudantes e persoas tituladas para o mundo laboral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 12/09/2023

Co inicio do curso bota a andar tamén unha nova edición dos Xoves Empregables, unha iniciativa de formación dirixida a estudantes e persoas e recentemente tituladas co obxectivo de preparalos para o proceso de inserción no mundo laboral. O programa comprende dez sesións que se desenvolverán en liña todos os xoves dende este día 14 ata o mes de novembro de 15.30 a 17 horas. 

Como explica Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento, este é ”un programa formativo que lle proporcionará ao alumnado ferramentas e competencias transversais para impulsar a súa empregabilidade”. A proposta desta edición baséase en abordar a inserción laboral como unha viaxe, unha aventura que require de moitos preparativos e planificación, “rutas, transporte, equipaxe, etc.”, un proceso no cal o alumando pode contar coa Área de Emprego e Emprendemento para que a viaxe sexa mais doada. Como lles lembran aos estudantes dende o servizo, “se queres explorar novas opcións de busca de emprego ou precisas xerar cambios na túa vida para prepararte mellor para esta viaxe, podemos axudarte a que definas os teus obxectivos e metas laborais, prepares a túa mochila e traballes nas túas habilidades persoais para que te convertas nun bo profesional”.

Para a impartición destes seminarios virtuais contarase coa colaboración de Youth Business Spain, unha entidade nacida para loitar contra o desemprego xuvenil facilitando a colaboración con actores relevantes na busca de solucións e propostas ao problema da desigualdade e desemprego entre os mozos e mozas.

Dez etapas da viaxe

A primeira sesión, este xoves, será impartida por Luis Harcia Deber, presidente de Youth Business Spain e leva por título Preparación da mochila: personalízaa se non queres perdela. Nela as e os asistentes achegaranse ás habilidades necesarias en contornas laborais e realizarán un test persoal de competencias. A directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, explica que nesta primeira sesión se lles proporcionará ás persoas asistentes o acceso a unha ferramenta para que cada un avalíe o seu nivel de desenvolvemento de certas competencias profesionais, a fin de que gañen consciencia de posibles áreas de mellora e desempeño e poidan empregala como métrico nos seus currículos ou en posibles entrevistas laborais. 

A seguinte cita, o xoves 21, centrarase en buscar oportunidades e iniciativas para “facer peto para a viaxe”. A cita do día 28 permitirá ás persoas asistentes coñecer a importancia da persistencia. En outubro o día 5 abordarase a documentación da viaxe, é dicir, o cumprimento de compromisos, mentres que o día 19 poderán avaliar que tipo de viaxe queren facer con calidade e eficiencia. A derradeira cita do mes será o 26 e nela destacarase a importancia de ter un plan B e de calcular os riscos. En novembro desenvolveranse catro sesións: a primeira sobre a fixación de metas e obxectivos para elixir un destino, o día 2; a segunda sobre a necesidade dunha busca constante de información, o día 9; a terceira sobre a planificación e seguimento, o día 16; e a derradeira sobre autoconfianza, persuasión e contactos, o día 23.

Aínda que son actividades de balde, para participar é preciso inscribirse a través desta ligazón. Ademais, dende a Área de Emprego e Emprendemento lembran que no caso de que o estudantado participante queira recoñecer os créditos e selar o seu Pasaporte de Empregabilidade, deben participar en todas as sesións. Este documento certifica a participación nunha serie de actividades gratuítas que ofrecen unha ampla formación, ferramentas e técnicas para mellorar as habilidade do alumnado e das persoas recentemente tituladas cara a busca de emprego.