DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas fins de semanas e festivos e tamén en horario nocturno

A Biblioteca Universitaria amplía os seus horarios para facilitar a preparación dos exames do segundo cuadrimestre

As modificacións afectan ás bibliotecas centrais dos campus e á de Torrecedeira

Etiquetas
  • Estudantes
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 15/05/2023

Co obxectivo de facilitar ao alumando a preparación dos exames do segundo cuadrimestre, a Biblioteca Universitaria comezou xa cos horarios especiais nos tres campus, ampliando a apertura tanto polas noites coma nas fins de semana e días festivos. 

Así, as bibliotecas centrais de cada un dos tres campus, xunto coa de Torrecedeira, en Vigo, abrirán nas fins de semana ata o 16 de xullo, ademais do festivo do Día das Letras Galegas, este mércores 17 de maio, cun horario ininterrompido de 09.00 horas a 21.00 horas.

No que atinxe aos horarios nocturnos, as bibliotecas centrais de Ourense e Pontevedra e a de Torrecedeira (non así a Central de Vigo) tamén están xa a aplicar a ampliación do seu horario ordinario de luns a venres. Ata o 30 de xuño o horario será de 08.30 a 01.00 h. da madrugada, mentres que entre o 3 e o 14 de xullo abrirán de 09.00 a 0.00 h.

Durante estes horarios de apertura especial de fin de semana e nocturnos, as bibliotecas só prestarán servizo de espazo de estudo, pero non outros servizos ordinarios como préstamo, préstamo interbibliotecario, acceso a recursos electrónicos, etc.

O resto das bibliotecas dos campus continuarán abrindo no seu horario habitual, de luns a venres excepto festivos de 08.30 h a 20.45 horas, con excepción da Central de Vigo, que pecha ás 21.00 horas.