DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Evelyn Beltrán desenvolve a primeira tese en cotutela que se leva a cabo no campus

Da Bretaña a Pontevedra para estudar a imaxe dos presidentes colombianos na prensa

No doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 19/12/2023

A defensa de teses en réxime de cotutela permite que estudantes de doutoramento de diferentes países realicen na Universidade de Vigo parte das súas investigacións para finalmente acadar unha mención como doutores ou doutoras tanto pola súa universidade de orixe como pola institución viguesa. Esta vía, que implica a formalización dun convenio entre as dúas entidades, permitiu nos últimos anos que preto dunha vintena de investigadores e investigadoras de México, Brasil, Francia, Bélxica, Portugal, Italia, Tunisia e China desenvolvan tamén as súas teses en diferentes programas da UVigo, como é o caso do doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible, no que Evelyn Beltrán traballa na que será a primeira tese en cotutela que se leva a cabo no campus pontevedrés. Procedente da Universidade de Rennes 2, na Bretaña francesa, Beltrán Rojas desenvolveu nos últimos meses unha estadía na Facultade de Comunicación, dirixida a avanzar nunha investigación centrada na imaxe que a prensa francesa trasladou dos presidentes colombianos ao longo dos últimos 20 anos.

Como recolle o regulamento de estudos de doutoramento da UVigo, para o desenvolvemento dunha tese en réxime de cotutela é preciso a tramitación dun convenio entre as dúas institucións interesadas, que a tese conte cun director ou directora en cada universidade e que o futuro doutor ou doutora desenvolva unha estadía de investigación mínima de seis meses na UVigo. Como alumna do doutoramento do Campus Crea, Rojas traballou en Pontevedra no desenvolvemento da súa tese baixo a dirección do profesor Alberto Pena. “Analizo en como a prensa francesa presentou a imaxe dos tres últimos presidentes de Colombia, antes de Gustavo Petro”, explica esta investigadora, que busca afondar en como a visión que trasladan os medios dos mandatarios colombianos “xoga un papel importante nas relacións diplomáticas entre Francia e Colombia”. 

A súa investigación abrangue os mandatos de Álvaro Uribe, Juan Manuel Santos e Iván Duque e o estudo das publicacións realizadas durante os seus mandatos por tres diarios con diferente liña editorial, Le Monde, Liberation e Le Figaro. Como sinala, unha parte da súa análise céntrase en coñecer se a imaxe que trasladaron estes medios se corresponde en maior ou menor medida cos “plans de relacións exteriores” dos gobernos colombianos e, con esa idea, o estudo abrangue tanto o análise dos contidos e temáticas de máis de 2000 artigos, como “das estratexias discursivas” empregadas polos diferentes presidentes. 

Unha estadía que achegou interdisciplinariedade a súa investigación

Titulada en Linguas Estranxeiras pola colombiana Universidad del Valle e cun mestrado en francofonía, plurilingüismo e interculturalidade, Beltrán Rojas desenvolve a súa tese no doutoramento en Lingua, literatura e civilizacións romances da Universidade de Rennes 2, baixo a dirección de Nathalie Ludec. Como explica, este programa permitíalle afondar na parte “de análise do discurso máis sociolóxica”, mais o traballo con Pena permitiu “que se abrise outra perspectiva”, centrada na comunicación e nos estudos sobre a prensa. “Foi unha guía moi valiosa” recoñece do traballo que levou a cabo co investigador da facultade pontevedresa e que lle permitiu incorporar esa “interdisciplinariedade” á súa investigación, “que é tamén o obxectivo do doutoramento do Campus Crea”, lembra. Impulsado ao abeiro do proxecto de especialización do campus pontevedrés, o doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sostible ten como eixe precisamente o desenvolvemento de investigacións que vinculen cando menos dúas áreas de coñecemento.  

Neste punto, Beltrán destaca tamén o “enriquecedor” que foi para ela poder participar nas diferentes actividades do programa, ao que se sumou, durante a súa estadía en Pontevedra, a posibilidade de presentar a súa investigación tanto no IV Doctorial da Asociación Española de Investigación en Comunicación (AE-IC) como nas Xornadas de Investigación Campus Crea