Cunha cifra de asistentes moi semellante á da pasada edición, máis de 60 empresas e institucións participantes e cheo total nos obradoiros formativos, este mércores baixou o pano no Ifevi a Finde.U, Feira Internacional de Emprego Universitario 2017. Esta cita coa inserción laboral do alumnado e as persoas egresadas, organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras-os-Montes e Alto Douro, consolídase como un referente na eurorrexión Galicia e norte de Portugal contando coa participación de arredor de 1000 estudantes e titulados que se achegaron aos postos das empresas este martes e mércores e participaron nas diversas actividades formativas e de asesoramento. A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, remarca a diversificación de sectores presentes na feira, abríndose a compañías máis aló do eido tecnolóxico ao empresarial, xurídico e comercial. Destaca tamén o éxito que acadaron actividades como os talleres de elaboración de currículos, de preparación de entrevistas de traballo, presentacións corporativas ou o Talent at Work, celebrado esta mañá con todas as prazas cubertas.
25/10/2017