En pleno cumio do campus de Vigo, a Residencia Universitaria O Castro permanece aberta os 365 días do ano, 24 horas ao día e sempre ten actividade. Este curso, no que cumpre 16 anos aberta ao público acolle a 223 estudantes, mozos e mozas que optaron, “orgullosos”, polo campus como o seu particular ‘lugar de residencia’. A meirande parte dos residentes son galegos, pero hai tamén persoas doutros países que lle dan ao centro o seu particular toque internacional. O estudantado escolle a residencia “sobre todo por comodidade e distancia aos centros”, explica Alexandre Souto, estudante do Grao da EE de Telecomunicación, que fai fincapé en que “tamén fas moitos amigos, é unha experiencia que non atopas nun piso”.
24/05/2017