Enxeñaría en Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría Química Industrial, Enxeñaría Electrónica e Automática… o 70% dos 45 alumnos e alumnas galardoados con Premios á Excelencia Académica están matriculados nunha enxeñaría. Acaban de comezar o seu periplo universitario e veñen avalados por unha traxectoria curricular de excelencia nos estudos previos de ensino secundario, son 24 mozos e 21 mozas cunha nota media superior ao 9 e este luns recibiron de mans do reitor, Salustiano Mato, e do vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, unha Tablet PC, coa que “premiar o esforzo e recoñecer o mérito e a capacidade, algo que forma parte do ADN da Universidade, da nosa maior preocupación”, subliñoulles o reitor.
11/03/2013