Retratou o mundo coas súas verbas, pero tamén con imaxes. Recoñecido escritor e xornalista, Eduardo Blanco Amor foi tamén o autor de milleiros de fotografías, que pese a “estar un tanto esquecidas e ser consideradas como unha produción menor”, ían máis aló do atribuíble a un fotógrafo afeccionado para reflectir “coas ferramentas plásticas da imaxe, o que a palabra de Blanco Amor xa tiña explicitado”. Así o destaca o investigador Álex Mene na súa tese de doutoramento en Belas Artes, na que trata de achegarse “a esa terra de ningures que é a fronteira entre a imaxe e a palabra”, tomando como base a obra gráfica dun escritor que, ao igual que a literatura, empregou a fotografía “para interrogarse a si mesmo, para construír a súa identidade”, un proceso que deu como resultado unha longa serie de imaxes que permiten “constatar a modernidade do autor”.
22/01/2015