Nun mundo no que todo está interrelacionado, no que as novas tecnoloxías dilúen os límites espaciais e temporais, faise obrigado deixar atrás a concepción clásica da arte “como a produción dun obxecto para un espectador” e comezar a pensar que “as fronteiras que antes eran absolutas, hoxe convértense en porosas”, como sinala a investigadora da Universidade de Bos Aires Denise Najmamovich, que este martes participou en Belas Artes no inicio do III Foro Internacional de Creación na Fronteira. Partindo da idea da complexidade, entendida como “o recoñecemento da interconexión de todo o que existe”, Najmamovich propuxo un debate sobre as relacións entre arte e ciencia nun seminario orientado a afondar no concepto da “imaxe técnica” nese “territorio confuso, interesante e, sobre todo, complexo”, no que se atopa inmersa a arte, como sinalou o seu coordinador, José Antonio Castro.
21/10/2014