DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A matrícula en toda a oferta formativa permanecerá aberta dende hoxe luns ata o 11 de setembro

O Campus Aberto da UVigo ofrece o próximo curso 13 títulos propios, entre eles un máster dual único en España

Centrado na información xeoespacial, será unha das cinco novidades do 2023/2024

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Universidade e empresa
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/07/2023

O Campus Aberto engloba toda a formación permanente da Universidade de Vigo, un catálogo que inclúe dende mestrados propios e títulos de especialista ata cursos de curta duración para persoas con ou sen titulación universitaria. En total, para o primeiro cuadrimestre do próximo curso ofértanse 13 programas formativos que nacen das demandas sociais e da colaboración con empresas e entidades externas, xa que boa parte dos títulos contan coa participación de profesionais experimentados e de recoñecido prestixio que achegan valor engadido á formación e unha visión global da empresa.

Entre as principais novidades para o curso 2023/2024 está a posta en marcha do primeiro mestrado dual que se imparte nunha universidade pública en España, o Máster dual de formación permanente en información xeoespacial que se desenvolverá en colaboración con Telespazio Ibérica, empresa coordinadora do proxecto GEOSUB. Outras das novidades que arrancarán o próximo ano académico son o Curso de especialista en industria musical, o Curso de especialista en edición, o Curso de experto en inglés xurídico e o Curso de formación universitaria en proteccións eléctricas en subestacións. 

O prazo de matrícula para todos eles está aberto dende hoxe luns e ata o vindeiro 11 de setembro, aínda que esta oferta irase ampliando periodicamente con novos cursos de curta duración e tamén con microcredenciais. Este tipo de formación que comezará a ofrecer a Escola Aberta de Formación Permanente o vindeiro curso estará destinada a estudantado con ou sen titulación universitaria previa e permitirá certificar resultados de aprendizaxe ligados a actividades formativas breves, focalizadas na adquisición de coñecementos, habilidades ou competencias específicas, conectadas coas necesidades dos sectores produtivos. 

Máster dual de formación permanente en información xeoespacial

Dirixido polos catedráticos Pedro Arias e Henrique Lorenzo, o Máster dual de formación permanente en información xeoespacial impartirá a súa docencia na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía do campus de Vigo e comprende 60 ECTS. Está dirixido a graduados de carreiras tecnolóxicas e científicas que queiran acceder ao sector emerxente da xeotecnoloxía e a industria xeoespacial. Este máster xurde da demanda de persoal cualificado para facer fronte aos retos actuais do sector na súa implantación en Galicia e ampárase nun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a multinacional Telespazio, que foi seleccionada en 2022 como socio estratéxico do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025, impulsado por GAIN e a Xunta de Galicia a través da Civil UAV Initiative. O mestrado contará cunha formación dual, con tres meses de docencia presencial e virtual e seis meses de formación práctica en empresas, para o cal o alumnado recibirá unha axuda de 700€ ao mes durante este período, no que serán dados de alta na Seguridade Social.

Cursos de especialista en Industria Musical e en Edición

Outras dúas novidades do próximo curso serán os cursos de especialista en industrial musical e en edición. O primeiro deles nace da colaboración da Facultade de Comunicación con distintas entidades do sector musical galego co obxectivo de formar profesionais nas áreas fundamentais da industria musical dende una perspectiva multidisciplinar que engloba a comunicación audiovisual, o márketing, a publicidade, a lexislación, a xestión técnica e o emprendemento empresarial. A profesora Silvia Mirón é a responsable deste curso de 30 ECTS que comprende oito materias obrigatorias e unha parte práctica.

Pola súa banda, o Curso de especialista en edición (32 ECTS) centrarase na cadea do libro, dende o deseño ata a execución dos proxectos editoriais. Dirixido pola profesora Ana Luna, o título divídese en cinco materias que seguen todas as fases da cadea de valor do libro e a docencia combina teoría e práctica, esta última a partir de textos e proxectos reais de editoras profesionais que están no mercado galego.

Inglés Xurídico e formación en proteccións eléctricas en subestacións 

O catálogo de novidades para o próximo curso complétase cun curso de experto e outro de formación universitaria. O primeiro deles, dirixido pola profesora María Dolores González e de 20 ECTS, nace nun contexto xurídico internacional no que as destrezas orais e escritas na lingua inglesa son unha competencia imprescindible. Esta formación impártese en colaboración co Ilustre Colexio de Avogacía de Vigo. 

Finalmente, o Curso de formación universitaria en proteccións eléctricas en subestacións (6 ECTS) ten en como obxectivo proporcionar ao alumnado coñecementos relacionados coas funcionalidades e coas proteccións eléctricas en subestacións eléctricas. Para o desenvolvemento do curso, dirixido polo profesor Camilo José Carrillo, cóntase con docentes da Universidade de Vigo e con expertos do sector eléctrico cuxa experiencia permitirá dirixir o coñecemento ás áreas de necesidade actuais das empresas.

Oferta completa

Outros cursos repiten un ano máis na oferta de títulos propios da UVigo cunha grande acollida, coma o de Especialista en electrónica para compoñentes de automoción en colaboración coa empresa BorgWarner, o de Especialista en tradución para a industria do videoxogo (ETIV), o Curso avanzado en didáctica da ficción e creación literaria que se imparte no campus de Ourense e está xa ofertando as últimas prazas, ou o Curso de negociación colectiva e individual no ámbito laboral coa colaboración do Consello Galego de Relacións Laborais, unha formación semipresencial que se imparte na sede da Tesourería Xeral da Seguridade Social no centro de Vigo. A oferta para vindeiro ano  complétase co Máster de formación permanente en auditoría e contabilidade; o Curso de especialista en innovación, competitividade e emprendemento (Icemar); o Curso de experto en escritura e reescrituras literarias da Idade Media; e o Curso de formación universitaria en deseño, programación e administración de bases de datos.

Descontos e subvencións

O Campus Aberto conta cun sistema de descontos para colectivos e nalgúns casos os títulos están parcialmente subvencionados, como é o caso do Curso de Negociación colectiva, ou teñen un desconto como no caso do título Especialista en tradución para a industria do videoxogo para o alumnado do Máster en Comunicación Internacional. Ademais, os membros do colectivo Alumni contan cun 10% de desconto e a comunidade universitaria cun 15%, porcentaxe aplicable tamén ás persoas desempregadas ou cunha discapacidade recoñecida de polo menos o 33%.