DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está situada na entrada do Edificio de Ferro

O campus acolle unha exposición sobre a arqueoloxía dixital galega

Afonda nas súas conexións cos mundos virtuais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Investigación
  • Cultura
DUVI Ourense 23/10/2023

Despois do seu paso por Vigo, a exposición Arqueoloxía dixital galega xa se pode visitar na entrada do Edificio de Ferro do campus de Ourense. Comisariada por Óscar Penín, investigador do GEAAT, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia, a mostra adéntrase no traballo da pouco coñecida arqueoloxía contemporánea e nas súas cada vez máis fondas conexións cos mundos virtuais. A través de "textos áxiles e didácticos, ofrece unha visión sobre arqueoloxía da web, a arqueoloxía dos videoxogos e os seus formatos físicos, así como do arqueogaming e os seus impactos sociais, trazando un retrato que parte dunha perspectiva global e acaba pondo o foco sobre o estado da cuestión en Galicia".

A arqueoloxía dixital, sinala o comisario da exposición, "serve para gardar a inxente cantidade de información, cultura e tendencias sociais e de poder que se están a depositar na web e nas RR.SS. e tirar coclusión sociolóxicas que aplicar a eidos tan dispares como a política, a ética, a tecnoloxía, a gobernanza ou a economía. No futuro, servirá para que os arqueólogos da web de dentro de 200 anos ou máis, coñezan máis sobre a cultura e a sociedade de comezos do século XXI". A mostra naceu no marco dunha colaboración en clave cultural entre o GEAAT e o grupo de investigación da Escola de Telecomunicacións AttlanTTic no marco do Congreso EUNIS, celebrado no mes de xuño.