DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse na Sala Alterarte e no Paseo da Igualdade

O campus acolle a exposición sobre mocidade tutelada ‘Resalire’

Con fotografías de Fuco Reyes e comisariada por Carlos Rosón

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 18/12/2023

A sala de exposicións Alterarte e o Paseo da Igualdade do campus de Ourense acollen a mostra Resalire. Con fotografía de Fuco Reyes, esta iniciativa da organización non gobernamental Igaxes forma parte da campaña #NonNosXulgues, pola desestigmatización da mocidade tutelada.

A mostra parte da definición de resalire como “persoa que volve a saír” e “capacidade dun corpo para recuperar a súa forma orixinal a pesar de persistir forzas que traten de modificalo”. Xogando con esta idea, a exposición está composta por 15 imaxes de mozas e mozos tutelados que son froito da conversa entre fotógrafo e retratado e “que percorren o pasado para aproximarse ao futuro, aos soños”. Fuco Reyes, subliñan desde a mostra, é “un artista polivalente, merecedor de máis dunha decena de premios de fotografía, e unha das miradas máis innovadoras e suxestivas de Galicia. Ademais de fotógrafo, é licenciado en psicoloxía social e especialista en psicoloxía clínica, formación da que bebe para achegarse, a través das imaxes, á intimidade destas mozas e mozos”.

Cada unha das imaxes de Resalire, indican os seus responsables, “é unha reflexión íntima entre o fotógrafo e as persoas retratadas, que pretende dialogar co observador para rachar con estigmas e prexuízos que pesan sobre as costas destas mozas e mozos; estigmas que se poden materializar, entre outras cousas, en dificultades de integración, problemas para atopar traballo ou para conseguir un alugueiro”. Segundo explican desde Igaxes, organización non gobernamental que traballa desde 2001 coa infancia, xuventude e familias en situación vulnerable e que desenvolve o Programa Mentor neste eido, o resultado desta conversa é “unha exposición íntima e directa, na que as mozas e mozos tutelados mírannos apelando á nosa empatía e comprensión, amosando todo o que significa, en definitiva, ser adolescente”. Así, subliñan, “esta colaboración entre o mundo do social e o mundo da cultura nace para chegar a máis persoas e mudar máis miradas, co obxectivo de transformar unha realidade que, lonxe de ser abstracta, complica a vida de persoas con nome e apelidos”.

Ata o 8 de xaneiro

Alterarte acolle a exposición das fotografías orixinais e o Paseo da Igualdade, nos xardíns universitarios, a súa reprodución en lonas de meirande tamaño, podendo visitarse ata o 8 de xaneiro. Os materiais tamén pode verse na páxina web do proxecto. A mostra, comisariada por Carlos Rosón, director de Igaxes, e feita con apoio da Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta, dá continuidade ao proxecto expositivo Reciprodicidade da Sala Alterarte, que arrancou este curso académico co seu novo coordinador, o profesor Javier Blanco Sierra.