DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Escola Superior de Enxeñaría Informática é unha das tres sedes da competición

O campus acollerá o día 11 de marzo a Olimpíada Informática Galega 2022

A inscrición aínda está aberta para estudantes de ESO, Bacharelato e Ciclo Formativo de Grao Medio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 04/03/2022

O día 11 de marzo celebrarase a Olimpíada Informática Galega 2022, que este ano bota a andar froito da colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e as tres universidades galegas. A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense será unha das tres sedes que acollerán a competición, á que poden apuntarse estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato ou Ciclo Formativo de Grao Medio de centros galegos que non teñan máis de 20 anos o 1 de xullo de 2022.

A cita desenvolverase de xeito presencial e de maneira simultánea en tres sedes: a citada Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo; a Facultade de Informática da Universidade da Coruña e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo de inscrición remata o día 9 de marzo, animando desde a organización ao alumnado interesado a participar desta actividade.

O día da competición, as e os participantes na Olimpíada Informática Galega deberán resolver unha serie de problemas, entre catro e seis, mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Estes problemas, indican desde a organización, adoitan centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos. Cada problema, detallan, “describirá un escenario no que queremos que un programa de ordenador nos axude dalgún xeito”. Na cita permítese o uso de C++, Python ou Java. Na páxina web da olimpíada, o alumnado interesado pode ver exemplos de exercicios.

Os dous primeiros postos na clasificación da OIG 2022 accederán de xeito directo á fase final da Olimpíada Informática Española (OIE), que terá lugar a primeira fin de semana de abril de 2022. De aí, as e os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia. Ademais, na olimpíada galega haberá premios para as persoas parcipantes mellor clasificadas.