DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convocada pola Facultade de Educación e Traballo Social

O campus acolleu unha concentración para rexeitar os “actos vandálicos exercidos contra a exposición de fotografía Resalire”

Trátase dunha mostra de Igaxes sobre mocidade tutelada

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Ourense 21/12/2023

Convocada pola Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, este xoves celebrouse entre os edificios de Ferro e Politécnico unha concentración de “repulsa polos actos vandálicos exercidos contra a exposición de fotografía Resalire”. A mostra é una iniciativa da organización non gobernamental Igaxes e está composta por 16 retratos, realizados polo fotógrafo Fuco Reyes, de mozas e mozos do sistema de protección. Forma parte da campaña #NonNosXulgues e “pretende ser unha ferramenta de desestigmatización das e dos mozos que saen do sistema de protección”, un colectivo que, subliñan desde a entidade organizadora, “carga con pesados estigmas que dificultan a súa integración”. A exposición, situada no Paseo da Igualdade, nos xardíns do campus de Ourense, está composta por lonas grandes, afectando os danos a boa parte delas. Durante a concentración, desde a facultade, o seu decano, Xosé Manuel Cid, e desde Igaxes, o seu director, Carlos Rosón, trasladaron a súa repulsa e tristura polo acontecido. Tras o acto, arranxáronse de xeito provisorio as lonas danadas coa idea de que permanezan expostas o tempo previsto inicialmente, ata o 8 de xaneiro de 2024. Os orixinais das fotografías poden verse na Sala Alterarte do campus.