Abordáronse temas como os estándares de calidade na formación deste colectivo
O campus acolleu unha xornada sobre capacitación profesional en Traballo Social
Contou coa intervención da presidenta da Asociación Internacional de Escolas de Traballo Social
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este martes pola tarde a celebración das I Xornadas internacionais sobre capacitación dos profesionais en Traballo Social. A cita estivo organizada por GETS-IT, o Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo.
Tras a benvida a cargo de Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, e de Carmen Verde, coordinadora do GETS-IT, celebrouse unha mesa de conferencias sobre estándares internacionais de calidade na formación das e dos profesionais de Traballo Social, centrándose nun enfoque ético e de dereitos e coa participación de Anna Campanini, presidenta da Asociación Internacional de Escolas de Traballo Social (AIETS-IASSW) e Antonio López Peláez, director executivo do Consejo Internacional de Bienestar Social (CIBS-ICSW). Seguiulle unha sesión de intercambio de experiencias e achegas sobre a formación das e dos futuros profesionais do Traballo Social, especialmente sobre que características precisan ter estes profesionais para responder á realidade do século XXI. Pechou a programación Rubén González, subcoordinador do grupo organizador.