DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu o acto de benvida ao alumnado estranxeiro

O campus amosa a súa faciana internacional

Diferentes programas internacionais traen a Pontevedra 29 novos estudantes no segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 21/01/2014
Aprender castelán e coñecer algo máis da cultura galega foron algúns dos principais motivos que trouxeron ata Pontevedra a 29 novos estudantes de intercambio, que se suman aos 13 que permanecen na cidade desde o comezo de curso para amosar a faciana máis internacional dun campus que cada ano recibe a máis estudantes estranxeiros. O programa Erasmus e os convenios bilaterais subscritos pola Universidade permitiron a chegada a Pontevedra destes novos 29 alumnos e alumnas, que este martes foron convocados na Casa das Campás, onde responsables de diferentes servizos os puxeron ao día de todo o que lles pode ofrecer a institución académica na súa estadía en terras galegas.

“Estamos encantados, porque cada ano recibimos máis estudantes estranxeiros. De feito, en proporción ao número de alumnos, o de Pontevedra é o campus que máis alumnos de intercambio recibe”, destaca Ana Belén Fernández Souto, responsable da Área de Extensión Cultural, Deportiva e de Comunicación do campus de Pontevedra. Mais non só aumenta o número, senón que "tamén se amplía o número de nacionalidades", destaca. De feito, os convenios bilaterais permitiron a chegada a Pontevedra dunha decena de estudantes procedentes de diferentes países de América Latina.

Da Universidade de Cohauila, en México, chegaron por exemplo Alan Calamaco, Ximena Torres e Diana De Hoyos, tres estudantes que acudirán nos próximos meses ás aulas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “Queríamos vir a España e a Universidade de Vigo cumpría o noso requisito de que as materias foran compatibles coas dos estudos que cursamos alá”, explica De Hoyos. Estes estudantes mexicanos destacan como moi positiva a acollida que lles brindaron os diferentes servizos da Universidade, ao igual que a “amabilidade da xente de Pontevedra”. É máis, o único pero que lle poñen ás súas primeiras horas deste lado do Atlántico neste chuvioso inverno é o clima, recoñecen con humor.

Unha oportunidade para coñecer a cultura galega

“Quería vir a España, pero non a unha gran cidade, xa que vivo México DF, polo que cando comecei a investigar sobre a Universidade de Vigo e sobre Pontevedra decidinme”, afirma Estefanía García, outra das mexicanas que nesta xornada coñeceu na Casa das Campás os diferentes servizos que a Universidade pon a súa disposición da man dos representantes da Oficina de Relacións Internacionais, Extensión Universitaria, Deporte, Biblioteca, Área de Normalización Lingüística, SIOPE, Centro de Linguas ou da asociación Erasmus Student Network.

A riqueza da cultura galega foi tamén un dos elementos que máis chamou a atención de García nos seus primeiros días deste lado do Atlántico, ao igual que lle aconteceu á brasileira Alissara Zanotelli, que recoñece que se decantou por Pontevedra “porque é unha cidade moi distinta, da que nunca antes oíra falar”. Tamén amosou interese por saber máis de Galicia a nicaraguana Daniela Rodríguez, que se amosa “fascinada pola cultura galega, moi rica e moi diferente á de sitios como Madrid ou Barcelona". Estas tres alumnas permanecerán no próximo cuadrimestre na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, destino de 19 dos 29 estudantes que se incorporan ao campus neste cuadrimestre. Sumados aos 14 alumnos e alumnas que permanecen durante todo o ano na cidade son en total 43 os estudantes estranxeiros que nos próximos meses se formarán no campus. 28 deles farano na antedita Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, mentres que outros 7 cursarán estudos en Belas Artes e Ciencias da Educación e do Deporte e un farao na Escola de Enxeñaría Forestal.

A oportunidade de aprender un idioma

Da Universidade de Bremen chega a Pontevedra a alemá Melanie Muller, que explica que a súa intención neste cuadrimestre, ademais de ampliar a súa formación, é aprender castelán. O mesmo lle acontece ao belga Yannick Van Lunter. “O meu principal obxectivo aquí é aprender castelán, gústame moito España e a súa xente", engade este estudante erasmus que aterrou o pasado xoves en Vigo, onde reside cun familiar.

Claro que hai tamén quen xa se defende en castelán e deixa claro desde o primeiro día o seu interese polo idioma galego, como é o caso de Mateo Domenichini, orixinario da cidade italiana de Boloña. “Nunca estivera en Galicia antes, pero é unha rexión con moita tradición e cunha lingua propia, que ademais é moi similar ao italiano”, apunta este estudante chegado desde a Universidade de Urbino, ao igual que Elena Severini, que destaca “esta é unha universidade moi boa e máis grande ca nosa, polo que creo que esta será unha experiencia única”.