DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No quinto workshop ‘Hackeando o patriarcado’, celebrado na Facultade de Comunicación

A Cátedra de Feminismos 4.0 analiza a construción dun ecosistema feminista co que frear a misoxinia dixital

Promovida pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Igualdade
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 16/11/2023

Baixo o lema Ecosistema dixital feminista: a feminisfera en construción, a Facultade de Comunicación acolleu este xoves a quinta edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. O obxectivo desta xornada, sinalan desde a organización, era reflexionar sobre a creación de contidos feministas e a construción da denominada feminisfera, como un xeito de frear as novas estratexias patriarcais que se manifestan a través da misoxinia dixital da manosfera, a comunidade de homes que difunde na rede contidos sexistas ou antifeministas.

Na inauguración dunha xornada que combinou as intervencións presenciais e virtuais participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e a secretaria académica da facultade, Silvia García Mirón. Na súa intervención, Lantarón, destacou o compromiso da UVigo e da Deputación cunha cátedra que impulsa, “ano tras ano”, unha serie de accións que teñen como obxectivo “dar visibilidade a problemas cos que é necesario acabar para que haxa unha igualdade real”. Gómez, pola súa banda, lembrou que o propósito deste workshop era “visualizar as creacións e as creadoras de contidos feministas” na rede, onde con frecuencia semella que “o machismo dixital campa ás súas anchas”. Incidindo nesa mesma idea, García Mirón destacou que “na era actual a relación entre feminismo e comunicación é imprescindible para poder loitar contra determinadas narrativas, para dar forza a algunhas e deconstruír outras”.

Con esa idea, a xornada pechouse coa presentación dalgúns dos resultados do I Maratón de Creacións Dixitais Feministas, impulsado ao abeiro desta cátedra. Nel, tres artistas e deseñadoras formadas na UVigo, Raquel Boo Anderson, Lupita Hard e Xandra Táboas, deron forma a unha serie de pezas con licencia Creative Commons, co obxectivo de que poidan ser utilizadas fronte os machismos nas redes sociais.

Os memes como ferramentas de pedagoxía social

A primeira conferencia do workshop correu a cargo da catedrática da Universidad de Burgos Isabel Menéndez, quen defendeu a construción de memes desde espazos colectivos de activismo feminista, porque “son accións que provocan reflexións profundas a través de relatos que discuten o mandato de xénero, usando o humor para viralizar as mensaxes e lograr así un importante labor de pedagoxía social”. Este tipo de creacións, engadiu, “axudan a revitalizar a participación política e dan voz a colectivos subalternos, visualizan as desigualdades e explican partes do argumentario feminista que non sempre son ben entendidas”. Fronte a isto, a investigadora alertou das “respostas reaccionarias” por parte do “machismo dixital”, que fan que estes memes pasasen de ser “ferramentas de activismo político a ser apropiados polo antifeminismo, que os banaliza e os desposúe do seu contido ideolóxico orixinal”, á vez que alertou de que a manosfera está a producir unha “reconfiguración do imaxinario sobre a violencia sexual”, que fai “urxente” a abordaxe desta problemática. “As bonecas inchables que acabamos de ver diante de Ferraz son indicadoras do perigo crecente e do enorme poder que ten a manosfera para amplificar a través das redes os seus discursos machistas e negacionistas”, subliñou esta investigadora.

O workshop acolleu tamén unha conferencia da xornalista de opinión Anita Botwin, que ten afondado no seu traballo nas situacións de acoso dixital que sofren as mulleres feministas nas contornas dixitais, e cunha mesa de debate na que participaron a ilustradora Sara Herranz, autora da reedición ilustrada de A muller rota de Simone de Beauvoir; a artista Gemma Marqués, e a poeta e creadora audiovisual Nuria Vil.
 
Así mesmo, nesta xornada tamén puideron verse na Facultade de Comunicación os pósters das seis investigacións financiadas pola Cátedra de Feminismos 4.0 este ano, que poden consultarse na súa web.