DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Paula Beirán e Manuel Reigosa renovaron este xoves o acordo de colaboración

A Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo cumpre unha década celebrando o éxito nacional do seu alumnado

O acto contou tamén coa participación dos gañadores da competición de debate LEDU STEM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/06/2023

A Universidade de Vigo adquiriu protagonismo de ámbito nacional o pasado mes de maio cando, por segundo ano consecutivo, dous dos seus estudantes, neste caso Pablo García e Martín Blanco, gañaron o LEDU STEM Cátedras Telefónica, un torneo para estudantes STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) promovido por Telefónica e a Liga Española de Debate Universitario (LEDU). Este é a xuízo do reitor, Manuel Reigosa, e da directora de Telefónica de España en Galicia, Paula Beirán, un dos mellores exemplos dos froitos que está a colleitar a Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, unha iniciativa que cumpre dez anos e da que este xoves ambos responsables institucionais asinaron a súa renovación.

O acto de sinatura, celebrado no despacho do reitor e no que se contou coa participación do catedrático José Cidrás, coordinador desta cátedra na UVigo, serviu tamén como recepción aos gañadores do torneo LEDU STEM, Pablo García e Martín Blanco, que agradeceron o convite e os agasallos que lle foron entregados tanto por parte de Telefónica como da UVigo. Tras felicitar a estes alumnos polos excelentes resultados acadados nunha competición na que participaron 19 universidades de todo o territorio nacional, Paula R. Beirán expresou a satisfacción de Telefónica pola colaboración coa UVigo a través desta cátedra e a vontade da compañía de continuar a liña de traballo desenvolta ao longo de todos estes anos. Na mesma liña, o reitor admitiu estar “moi satisfeito” cos resultados que se están a acadar e, neste sentido, amosouse convencido de que “a Universidade ten que medrar a través da colaboración público-privada”, ao que engadiu que “ao longo destes dez anos foron xurdindo diferentes iniciativas exitosas que fan que a nosa Universidade sexa mellor”.

A pola fase final da Liga Española de Debate Universitario

O torneo LEDU STEM Cátedras Telefónica ten como obxectivo fomentar as habilidades transversais (soft skills) nos futuros líderes dixitais, e a Cátedra da Universidade de Vigo non só o gañou en dúas ocasións, senón que na súa primeira edición quedou tamén finalista, un éxito sen precedentes entre a rede española de Cátedras Telefónica. Nesta ocasión os responsables deste éxito foron os estudantes de enxeñaría Martín Blanco Prego e Pablo García Salgado, membros da asociación Retórica UVigo, que acudiron á competición como integrantes do equipo da Cátedra Telefónica Espacio de Innovación, que se impuxo ao da Cátedra Telefónica Inteligencia en la Red, da Universidad de Sevilla, nunha final celebrada en Madrid o pasado 12 de maio e na que debateron sobre se a dixitalización é ou non unha aliada da transición verde.

“De toda a experiencia de participar neste torneo destacaría, sobre todo, as semanas previas, antes de chegar ao propio debate, ese mes de preparación intensa, de meternos nas preguntas, saber analizalas e levalas, ata chegar a conseguir esa melloría na oratoria, ese ‘plus’ que nos levou a chegar á final e a gañar”, explica Pablo García, ao que o seu compañeiro Martín Blanco engadiu que “desde xa” están metidos de cheo na preparación da fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU),  “a gran cita do debate universitario” e na que o ano pasado o equipo da UVigo quedou subcampión. “Vigo é un equipo a temer e loitaremos ata o final para tratar de facernos coa vitoria”, salientou Blanco.

Múltiples actividades en 10 anos de Cátedra Telefónica na UVigo

Telefónica constituíu na Universidade de Vigo a súa cátedra homónima hai xa dez anos, co obxectivo de promover a aplicación das tecnoloxías da información e as comunicacións no ámbito do ensino universitario, a investigación e a innovación. Ao longo destes anos desenvolveu talleres e conferencias de interese para os alumnos –talleres de Arduino, xornada smart energy-smart city, seminarios sobre a plataforma MiríadaX e os MOOCs etc.- e participou, entre outros, no Foro Tecnolóxico de Emprego, o congreso Smart Cities and Communities ou no encontro Hack for good.

A día de hoxe Telefónica ten cátedras en 25 universidades españolas. Cada unha delas mantén a súa especialización, pero o obxectivo común é que a rede se constitúa como unha sorte de Think tank de referencia no estudo do impacto das tecnoloxías de telecomunicación (TIC) na sociedade, sendo un dos seus obxectivos prioritarios a divulgación e comunicación dos resultados máis relevantes.