DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa celebración será do 23 de setembro ata o 30 de outubro

Catro localidades acollerán a terceira edición do Festival de Saberes Pedra

Haberá conferencias, actividades culturais-artísticas, visitas guiadas e obradoiros

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Cultura
DUVI Ourense 22/09/2023

Esta fin de semana arranca a terceira edición do Festival de Saberes Pedra, que propón unha programación lúdica e educativa en espazos que soen ficar illados dos grandes circuítos públicos e privados de cultura xeralista. A cita foi presentada este venres por Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Óscar Penín e Lucía Rodríguez, persoal investigador do campus de Ourense e coordinadores desta actividade, que dá continuidade á iniciativa Aldearmos e se enmarca no proxecto europeo da Universidade de Vigo rurAllure. Pedra desenvolverase do 23 de setembro ata o 30 de outubro a través de catro eventos que terán lugar en Loiro, Trasalba, Manzaneda e Vilardevós e aos que asistirán máis de 30 asociacións e entidades (as 26 que conforman a Rede Aldear e FOP, A Bela Auria, o centro Portas Abertas e Rebusca).

No seu conxunto, a programación inclúe cinco conferencias divulgativas, doce actividades culturais-artísticas (cinema, concertos, teatro, exposicións), dúas visitas guiadas e varios obradoiros de cultura científica. “Con Pedra queremos destacar a riqueza cultural, natural e humana dese Ourense interior; convidar ao diálogo ao redor do problema de despoboamento; promover o patrimonio cultural como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea; impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado coa memoria e co rural entre os máis novos”, sinalan desde a súa organización. A primeira xornada será este sábado, 23 de setembro, en Loiro, Barbadás, e contará cunha andaina polo Castro de Trelle, un obradoiro de cantaría e reconstrución de muros, concertos con Díaz, Columna Vegana, Zunzún, DJ Tristón e Trío Montobomba, narración oral con Anxo Moure e unha xornada de portas abertas no Museo Etnográfico Loiro na Memoria.