DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun proxecto de alumnado da Facultade de Comunicación da UVigo

Celanova acolle esta semana a gravación da webserie 'Dúas Señoras'

A iniciativa enmárcase na programación do curso CeMAC23

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 26/10/2023

Maruja e Balbina, dúas inseparables xubiladas, quedan todos os días no banco de sempre para pasar o tempo e dunha forma ou doutra sempre acaban metidas nunha aventura diferente. Estas aventuras son as que formarán parte da webserie cómica Dúas Señoras que estes días grava en Celanova (Ourense) un grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.

A iniciativa forma parte da programación do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC23), celebrado o pasado mes de xuño na vila ourensá co apoio da Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. No marco deste curso, celébrase cada ano o Taller Audiovisual Celanova, Plató de Ficción, dirixido polo profesor da UVigo Paulino Pérez. Esta actividade, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.

Todas as fases dun proxecto audiovisual

O alumnado comezou neste taller o seu proxecto audiovisual, coa realización do guión e a formación do equipo. Continuando con el, esta semana están gravando en Celanova os catro capítulos de aproximadamente seis minutos que conformarán Dúas Señoras. As directoras da webserie son as estudantes Uxía Soutullo e Luján Monteiro e a produtora Alejandra Justo, participando en total 18 estudantes de cuarto curso do Grao de Comunicación Audiovisual.  As dúas protagonistas son as actrices Mercedes Castro (de series como Padre Casares, Avenida América, Mareas vivas e Pratos combinados) e Ana Santos (de series como Elisa e Marcela, Fariña, Serra Moura ou El desorden que dejas). Tras rematar as gravacións, o proxecto, ao abeiro do cal se farán tres traballos fin de grao, continuará na facultade ata ter o produto finalizado, agardando poder estrealo en xaneiro do vindeiro ano. A webserie está producida por Lostrego filmes, o proxecto de produtora do alumnado participante, e a Facultade de Comunicación da UVigo con financiamento de Agadic e a Fundación Carlos Casares.

Sobre os resultados da iniciativa, que vai pola súa 13 edición, Paulino Pérez subliña que para o alumnado participante “é unha experiencia moi positiva no senso de que se replica, dentro das nosas posibilidades, a estrutura dunha rodaxe xa a nivel profesional, cos seus departamentos ben definidos, cun orzamento concreto, vivindo por e para a rodaxe os días de gravación, etc.”. Así, recalca, no proxecto “funcionamos como se fósemos unha produtora, traballando da forma máis parecida á realidade posible” e iso “resulta moi enriquecedor para a formación do alumnado”.