DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita forma parte da programación de extensión universitaria do campus

Celanova acollerá do 27 ao 30 de xuño unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais

Contará un ano máis coa celebración dun taller con alumnado da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 23/06/2023

No marco da programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que oferta a Vicerreitoría do Campus de Ourense atópase este ano unha nova edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC23). Baixo o título Rodamos. O audiovisual no fío do futuro, a cita, que cumpre a súa XIX edición, celebrarase desde o martes 27 ao venres 30 de xuño na vila ourensá coa implicación da Fundación Carlos Casares, a Vicerreitoría do Campus de Ourense, o Concello de Celanova, a Deputación Provincial de Ourense e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia.

Froito da colaboración institucional

A actividade foi presentada este venres na Deputación de Ourense por representantes da entidades que organizan e apoian a iniciativa, que coincidiron en agradecer e destacar que este curso é froito dunha dilatada colaboración institucional. Francisco Javier Rodríguez Rajo, novo vicerreitor do campus de Ourense, destacou durante a súa intervención, a primeira pública ocupando este cargo, que “estamos falando dun dos cursos máis lonxevos da Universidade de Vigo”. O responsable académico apuntou que estes cursos de extensión universitaria constitúen “unha ferramenta boísima para achegármonos ás comarcas”, poñendo en valor o feito de que as persoas participantes teñen non só a oportunidade de formarse senón tamén de vivir nos lugares de celebración.

Pola súa banda, o deputado provincial Pablo Pérez subliñou que o CeMAC23 é “unha actividade moi entroncada coa realidade cultural da nosa provincia”, recalcando que en Ourense “estase tratando moi en serio esta grande oportunidade que nos brinda o audiovisual para poder amosar toda a potencialidade do noso territorio”. Do mesmo xeito, Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense, recalcou o papel de Ourense como “a provincia do audiovisual” e o feito de que este curso permite “visualizar o mellor do audiovisual galego”. Ademais, Antonio Piñeiro, xestor cultural do Concello de Celanova, puxo en valor que ao longo das 18 edicións celebradas “ten pasado practicamente todo o audiovisual por Celanova”. Por último, o secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, foi o encargado de explicar o programa dun curso que polas súas características formativas e experienciais, dixo, é único, destacando como o CeMAC permite a transferencia de coñecemento e experiencias profesionais, o establecemento de redes entre alumnado, profesionais e profesorado e unha colaboración institucional “modélica".   

Exemplos específicos

Segundo explican desde a Fundación Carlos Casares, promotora do curso, “na oferta histórica do CeMAC, e xa consolidado como foro audiovisual de referencia en Galicia, pretendemos analizar a creación audiovisual en todas as súas variantes, soportes e formatos, substanciada nunha obra ou nun produto destinado a ser gozado e consumido polos receptores. Polo tanto, é obra colectiva, profesional, nun sector das industrias culturais e creativas con máis pulo de Galicia, e cunha suma de vontades ben coordinadas”.

O CeMAC2023, dirixido polos profesores da Universidade de Vigo Miguel Anxo Fernández e Paulino Pérez, centrarase en coñecer e analizar as singularidades da ficción en formato filme a través de exemplos específicos e de éxito no audiovisual. Algúns dos filmes e pezas audiovisuais que se analizarán serán Fatum, Unicorn Wars, O home e o can, Honeymoon, o documental María Casares. A muller que viviu mil vidas e a curta do taller Celanova Plató de Ficción titulada Crónica dun recordo. Nesta nova edición do curso tamén se analizará outros formatos, así como o proceso de consolidación do ecosistema audiovisual, do seu equilibrio industrial e creativo, e os pasos que se están a tomar para a súa normalización no país á marxe de soportes e formatos. Para acadar estes obxectivos, participarán na cita profesionais en diversos aspectos creativos (dirección, guión, produción, fotografía, música,…) e vinculados ás industrias culturais, co fin de analizar a situación do sector e as novas posibilidades transversais de actuación.

Igualmente desenvolverase, por undécimo ano consecutivo, o Taller Audiovisual Celanova, Plató de Ficción, dirixido por Paulino Pérez. Esta experiencia, eminentemente práctica, está dirixida ao alumnado do Grao en Comunicación Audiovisual da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra e ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. Nela colabora o alumnado da ESAD.