DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación desenvolverase os días 25 e 31 de outubro e 8 e 15 de novembro

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil afondará nas potencialidades do teatro

Participarán as e os escritores Raquel Castro, Paula Carballeira, Antón Cortizas e Carlos Labraña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 18/10/2023

O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2023 arrancará o vindeiro 25 de outubro a súa programación, que se prolongará ata o 15 de novembro. Nesta ocasión centrarase no teatro e a dramatización na formación da identidade lectora, contando coa participación das e dos escritores galegos Raquel Castro, Paula Carballeira, Antón Cortizas e Carlos Labraña, “probablemente as catro persoas que máis produción teñen de literatura dramática infantil en Galicia”, tal e como destacan desde a organización da actividade.

A iniciativa, que celebra a súa novena edición, está organiza pola profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense Isabel Mociño, contando co apoio de Carla Míguez e de Verónica Pousada. Colaboran a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O obxectivo do ciclo, indica Isabel Mociño, é “contribuír a unha formación máis rica do noso alumnado” establecendo un diálogo directo entre o público asistente, sobre todo futuros mestres e mestras que se forman no campus, e as e os creadores de obras para os lectores máis novos. Nesta edición ademais farase fincapé en atraer ao ciclo a “profesorado en activo, o que xa está nas aulas e que de algún xeito quere seguir actualizándose”.

Catro conferencias

A temática elixida nesta edición é o teatro, escollido porque “é unha expresión que permite fomentar prácticas de aproximación á lectura de modo motivador”. Ademais, engade Isabel Mociño, “incide en moitísimos aspectos da nosa identidade como lectoras porque axuda a que nos expresemos mellor, a que nos comuniquemos, nunha sociedade eminente visual, dunha forma moito máis rica”. Neste senso, a profesora subliña o feito de que “desde que somos ben pequenas e pequenos, o tipo de prácticas que fagamos tanto no ámbito familiar como na escola van configurando a nosa identidade como lectoras e lectores adultos. As prácticas que promoven o achegamento a todo tipo de libro son moi importantes e o teatro é unha delas, con múltiples posibilidades e que nos dá unha visión de que ler non é unicamente decodificar un texto, é moito máis”.

Todas as sesións, abertas ás persoas interesadas, terán lugar na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro do campus ás 18.00 h. A primeira, o 25 de outubro, contará coa conferencia da mestra e escritora Raquel Castro Aprender sentindo, o teatro máis ca un xogo nas aulas. O 31 de outubro será a quenda da escritora e contacontos Paula Carballeira, que ofrecerá un relatorio titulado Breves instrucións para ler teatro. Xa en novembro, o día 8, Antón Cortizas, “un dos clásicos  que está sempre presente cando falamos de literatura infantil”, achegarase ao campus de Ourense para ofrecer a conferencia E se a escola fose un teatro? A tradición oral como recurso educativo. Por último, o Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil 2023 pecharase o 15 de novembro coa intervención de Carlos Labraña, “probablemente o autor galego con máis obra dramática infantil escrita”, Non dramatices!!! Censura e autocensura no teatro infantil.