DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades arrancaron pola mañá coa visita de varios institutos

A cidadanía ‘Conecta con atlanTTic’ nunha nova xornada de portas abertas

O alumnado coñeceu as instalacións, laboratorios e principais liñas de traballo do centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Visitas
DUVI 20/10/2023

Alumnas e alumnos de varios institutos de ensino medio participaron este venres en Vigo na xornada de portas abertas Conecta con atlanTTic, unha actividade organizada polo Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic da Universidade de Vigo, co obxectivo de achegarlle a cidadanía galega as instalacións, laboratorios e principais liñas de traballo deste centro.

Durante a visita alumnas e alumnos tiveron a oportunidade de coñecer de preto as instalacións e o equipo de traballo deste centro, participando en demostracións sobre comunicacións 5G, ópticas e vía satélite, e falando coas investigadoras e investigadores sobre  proxectos como Panoramix, centrado na detección do deterioro cognitivo en persoas maiores, ou Celia, un chatbot con empatía para entreter e acompañar a persoas maiores. Familiarizáronse tamén cos sistemas de radar e xeoposicionamento; a aplicación SignaMed, que traballa no recoñecemento automático de lingua de signos para facilitar a comunicación coas persoas xordas; e Lightboard, un taboleiro de cristal luminoso para a educación dixital.

Visitas guiadas aos laboratorios

Así mesmo, as persoas asistentes participaron nas visitas guiadas aos laboratorios, como o de Seguimento de satélites; o de Acústica, incluída a sala de control non-environment e a sala semi-anecoica, acondicionadas coa tecnoloxía Metadyne, material que permite absorber as ondas acústicas; e o laboratorio QOPHI, centrado na investigación e deseño de dispositivos fotónicos integrados, onde se puxeron ao día sobre a revolución que supoñen os chips que empregan esta tecnoloxía.

Durante a visita, o alumnado, principalmente da ESO, de Bacharelato Tecnolóxico e dun ciclo de FP, aproveitaron para interesarse polo labor diario das investigadoras e investigadores dun centro de investigación e como repercute o seu traballo na sociedade.

A Xornada de Portas Abertas de atlanTTic continúa esta tarde para o público xeral. Está previsto que asistan preto dun centenar de persoas de diferentes idades.