DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa promovida pola Comisión PEA Unesco con motivo do 25N

Ciencias da Educación e do Deporte reúne palabras contra as violencias

Nun milladoiro ao que a comunidade universitaria pode incorporar verbas en adhesivos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/11/2023

A conmemoración esta semana tanto do 25N, Día Internacional para Eliminación da Violencia contra as Mulleres, como do Día da Infancia, que se celebraba este luns, e do Día da Palabra, que ten lugar este xoves, levaron á Comisión PEA Unesco da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a promover unha actividade que tivese na palabra e na violencia machista o seu fío condutor. Desde este luns permanece na entrada do centro unha estrutura que emula un milladoiro que, en lugar de ir incorporando pedras, vai sumando as verbas que as e os integrantes da comunidade universitaria poden colocar nel con papeis adhesivos. “Trátase de deixar unha palabra que esconxure a dor e dea alento a todas as persoas que sofren violencias, nomeadamente as mulleres e nenas”, salientan os docentes Ana Acuña e Carlos Valcárcel, coordinadores dunha iniciativa leva por título Semana da palabra contra as violencias.

Tras incorporar as achegas en diferentes idiomas do alumnado dun mestrado europeo sobre lexicografía, que participaba o pasado venres na facultade no EMLex Wiktionary Hackfest, neste milladoiro poden lerse verbas como sororidade, forza, valentía ou empatía. Ao longo desta semana, poderán seguir sumándose adhesivos a unha iniciativa dirixida tanto a dar visibilidade a esta conmemoración como a pór o foco ao que nelas se reivindica.

Ademais do alumnado, esta actividade sumaba tamén este luns a verba escollida pola profesora xubilada e investigadora especializada en memoria histórica María Xesús López Escudeiro, que da man do programa Memoria de Elefanta do Concello de Pontevedra protagonizou o coloquio Luces, cámara... memoria. Inserida tamén nas iniciativas da Comisión PEA-Unesco, esta actividade serviu para achegar ao alumnado diferentes materiais cos que abordar nas aulas a Guerra Civil e a represión que sucedeu á sublevación militar, así como outra serie de iniciativas impulsadas ao abeiro deste programa municipal, como un videoclip realizado co alumnado dos institutos de Pontevedra.