DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun orzamento de 60.000 euros e unha duración de dous anos

O CIM contribuirá a fortalecer o nodo español de biorecursos mariños co proxecto EMBRedES+

Coordinará actividades a nivel rexional, nacional e internacional para favorecer a transferencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
DUVI 30/06/2023

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, será o coordinador do proxecto EMBRedES+, co que se pretende consolidar e fortalecer o funcionamento do nodo español de European Marin Biological Resource Centre (EMBRC-ES), ao que pertencen a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM; a Estación Mariña de Plentzia (PiE), dependente da Universidade do País Vasco; e o Banco Español de Algas (BEA- ULPGC). Este proxecto de apoio aos servizos de bioloxía mariña das estacións que forman parte do nodo español conta cun orzamento de 60.000 euros, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través da convocatoria de axudas a Redes de Investigación 2022.

O obxectivo deste proxecto é apoiar a xestión do nodo, o fortalecemento das súas capacidades de transferencia e comunicación e o desenvolvemento de actividades de coordinación e networking a nivel rexional, nacional e internacional. Desta forma, en palabras de Jose Manuel García, director da Ecimat, “estaremos consolidando o posicionamento estratéxico do EMBRC-ES e a súa adaptación ás Future Strategic Priorities do European Marine Biological Resource Centre-ERIC, do que forma parte”. “Con este novo proxecto, avanzaremos para xogar un papel clave na investigación e innovación europeas, representando a bioloxía e ecoloxía mariñas en Europa de cara aos responsables políticos na toma de decisións e contribuíndo ás Prioridades Estratéxicas Europeas, especialmente as relativas ao medio ambiente, alimentación e saúde”, engadiu.

Baseándose nos resultados do anterior proxecto EMBRedES, desenvolto entre 2018 e 2022, preténdese consolidar sinerxías coas liñas estratéxicas da UE. Neste sentido, procurarase establecer unha conexión entre esta iniciativa e o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible Vida Mariña da UNESCO, así como apoiar a I+D+I dentro da misión de Horizonte Europa relativa á recuperación dos océanos e as augas. Ademais, segundo estimou José Manuel García, “favorecerase a sostibilidade das infraestruturas e da actividade investigadora das entidades participantes, apoiando a investigación en bioloxía e ecoloxía mariñas a nivel rexional, nacional e internacional, reunindo unha elevada masa crítica de persoal altamente cualificado, de coñecemento e de inversión”.

Formación, comunicación e networking

A través deste proxecto, desenvolveranse programas de intercambio do persoal; estableceranse relacións de traballo coas administracións rexionais responsables do deseño de novas Estratexias de Especialización Intelixente; procuraranse interaccións coas autoridades nacionais e europeas responsables das políticas de Economía Azul, Biotecnoloxía Mariña e Acuicultura Sostible; e fomentarase a interacción con outras entidades españolas participantes en ERICs. Así mesmo, EMBRedES+ contribuirá á consecución das Prioridades Estratéxicas Futuras de EMBRC-ERIC para os vindeiros cinco anos baseadas nos desafíos que supoñen o Cambio Climático e a Economía Azul.

EMRedES

O European Marine Biological Resource Centre (EMBRC) é unha infraestrutura de investigación continental que naceu en 2013 para coordinar e harmonizar o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. Coa vista posta en fortalecer e ampliar esta plataforma estatal, en 2018 botou a andar o proxecto EMBRedES, Red para la coordinación y posicionamiento estratégico del Nodo Español del European Marine Biological Resouce Centre (EMBRC-ERIC), con financiamento estatal dentro da convocatoria Redes de Excelencia.

Tras tres anos de traballo baixo a coordinación do CIM, o proxecto rematou en 2022 e un dos seus principais logros foi a adscrición do Banco Español de Algas (BEA) como terceiro operador do nodo español do EMBRC. A súa incorporación contribuíu a ampliar a carteira de servizos ofertados polo nodo estatal e a mellorar as oportunidades de colaboracións nacionais e internacionais, impulsando o labor investigador que o CIM fai no eido das ciencias mariñas.

Por outra banda, no marco do proxecto EMBRedES tamén se estableceu un protocolo de incorporación para novas entidades que desexen adherirse ao nodo español no futuro e desenvolveuse unha folla de ruta en materia de innovación para os integrantes da rede. Ademais, leváronse a cabo actividades de formación e deseñáronse diferentes materiais de difusión do nodo, como a súa páxina web.