DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Serán catro as pezas audiovisuais que se poderán ver en rede

O cine documental volve ao campus da man de Docs del Mes

A programación arranca con 'Remando a la deriva', da hindú Sarvnik Kaur

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/09/2023

Un curso académico máis a comunidade universitaria do campus de Ourense poderá acceder á programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve en máis de 80 cidades de España. Neste primeiro cuadrimestre serán catro, unha cada mes, as obras internacionais de temáticas moi diversas que se poderán ver de xeito virtual no marco desta iniciativa. As persoas que desexen ver en liña cada obra deberán remitir unha solicitude ao enderezo electrónico docs-ou@uvigo.es e enviaráselle o enlace e o código necesarios para o seu visionado na rede, que estará habilitado durante un período de tempo determinado.

A programación arranca este mes de setembro (do 18 ao 2 de outubro) con Remando a la deriva (2023), un filme da documentalista hindú Sarvnik Kaur, premiado no festival de Sundance. A longametraxe afonda nos efectos do cambio climático na actividade pesqueira a través da historia de dous pescadores de Bombay, un que segue apostando por un sistema ancestral de pesca que se rexe polo ciclo lunar e as mareas e outro que avogou pola incorporación de tecnoloxía no seu barco. En outubro (do 16 ao 30) pode verse Lyra (2022), no que a cineasta Alison Millar indaga nos motivos da morte de Lyra McKee, unha xornalista de investigación e activista LGTBIQ+ que en 2019 foi asasinada na cidade irlandesa de Derry polo novo IRA.

Xa en novembro (do 13 ao 27) poderá verse Adiós, queridos haters (2022), un documental que Hanka Nobis centra na historia de Antek, un mozo polaco que creceu nunha familia relixiosa e de extrema dereita. Pertencente a un grupo de mozos cos que comparte o catolicismo, o nacionalismo e a homofobia, o filme afonda en como o protagonista comeza a dubidar da súa ideoloxía tras namorarse. Por último, a programación péchase en decembro co visionado (do 4 ao 18) de Nosotras, mañana (2023), no que a documentalista Alisa Kovalenko presenta a historia de cinco adolescentes ucraínos da rexión do Donbás que intentan escapar dos bombardeos rusos á vez que imaxinan o seu futuro.