DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves visitou Filoloxía e Tradución o experto en audiodescrición Antonio Vázquez

Cine inclusivo e lectura fácil, eixes básicos para mellorar a accesibilidade dos contidos culturais

Fíxose fincapé na importancia da compresión da película “por encima de calquera outra valoración"

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
D. Besadío DUVI 24/10/2019

O alumnado da Facultade de Filoloxía e Tradución tivo este xoves a oportunidade de pórse ao día sobre as mellores maneiras de facer cine inclusivo e contidos literarios que poidan etiquetarse como de ‘Lectura Fácil’, termo acuñado para denominar as obras creadas ex profeso para achegar a lectura a persoas con necesidades especiais. Fixérono da man do experto en audiodescrición Antonio Vázquez, cuxa produtora, Aristia, traballa para a ONCE.

Presentado pola profesora do Departamento de Tradución e Lingüística Lourdes Lorenzo, Vázquez fixo unha presentación da percepción dun audiovisual por unha persoa cega e a mesma percepción grazas á audiodescrición, pondo de relevo a importancia da comprensión da película “por encima de calquera outra valoración”. “A audiodescrición é un sistema de apoio á comunicación que transmite os datos contidos nunha mensaxe visual, complementando os datos sonoros xa percibidos polas persoas cegas ou con unha discapacidade audiovisual”, explicou o experto, quen fixo fincapé en que a nova concepción da audiodescrición está “moi afastada da definición da norma de audiodescrición UNE 153020”, na que se establecen os requisitos básicos que deben ter en conta aquelas persoas que realicen producións audiodescritas para persoas con discapacidade.

“O ideal é que as persoas  que se encargan de facer audiodescrición audivisual sexan profesionais, ben sexa do cine, o teatro, a ópera... pero a día de hoxe en España tamén se fan cargo disto persoas que estudaron este tipo de cuestións a través dun mestrado e que non son necesariamente xente do sector”, explicou Vázquez, quen na súa visita a Galicia tivo a oportunidade de participar tamén na IV edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo.

Novas editoriais que traballan en prol da inclusión

Aproveitando a súa presenza no campus fíxose unha presentación da editorial La mar de fácil, que comeza a editar libros en galego cos presupostos de Lectura Fácil para discapacidades cognitivas, e de Adapta editorial, editora que traballa tamén en prol da inclusión, algo que a día de hoxe “aínda non é habitual”.  Neste sentido Vázquez, pai dun rapaz cunha discapacidade intelectual grave, explicou que a pesares de que os libros de Lectura Fácil soamente serven a un sector moi concreto e excesivamente pequeno do colectivo de persoas con discapacidade cognitiva ou intelectual, “si isto vale para unha soa persoa xa é un sistema útil”.

A accesibilidade, tamén como saída profesional

Ao abeiro da celebración deste acto a profesora Lourdes Lorenzo lembrou que desde a Facultade de Filoloxía e Tradución levan anos traballando en cuestións relacionadas con temas de accesibilidade “tanto en docencia como en investigación”, salientou Lorenzo, coordinadora xeral de prácticas na facultade, destacando neste sentido que esta é tamén unha interesante saída profesional para as e os titulados, “tanto en produtoras de cine que desexan subtitulado para persoas xordas ou audiodescrición para cegos como en páxinas web ás que hai que aplicar accesibilidade, por citar só dous exemplos”.

No relativo aos temas relacionados con docencia, Lorenzo remarcou que nas clases de Tradución audiovisual inglés galego/español (Grao  en Tradución e Interpretación) a profesora. Ana Pereira e ela mesma levan anos dando temas de accesibilidade (subtitulación para xordos) e, nas clases de Tradución para os servizos culturais inglés/galego tamén se lle dedica tempo á accesibilidade (“neste caso non só á subtitulación para persoas xordas, senón tamén a audiodescrición para cegos”). Finalmente, no Mestrado en Tradución Multimedia impártese tamén unha materia que trata, ademais da subtitulación para oíntes, a subtitulación para xordos e o refalado, temas dos que se encargan respectivamente os docentes Marta Iravedra e Pablo Romero.

Desde o punto de vista da investigación, este mesmo equipo de docentes está a levar a cabo diferentes iniciativas. Por unha banda, Pablo Romero é o responsable de Galma, o Observatorio galego para a accesibilidade nos medios, e as numerosas publicacións relacionadas con estas cuestións das profesoras Lorenzo e Pereira motivaron que foran convidadas polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio a participar na redacción da norma UNE 153010 de subtitulado para persoas xordas e persoas con discapacidade auditiva.