DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A primeira obra en verse será este venres 'Persépolis'

O cineclub La Barraca organiza un ciclo de proxeccións político-sociais

As sesións celébranse na Facultade de Historia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cine
  • Cultura
DUVI Ourense 02/02/2023

O pasado curso académico, por iniciativa de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense, púxose en marcha o cineclub universitario La Barraca. Desde entón, ten desenvolvido diferentes ciclos de cine dedicados a diversas temáticas. Este venres, 3 de febreiro, arranca un deles, nesta ocasión centrado en cine político-social. A obra elixida para arrancar esta actividade, que se prolongará ata finais de marzo, é Persépolis.

O ciclo, explican desde a súa organización, está dedicado “ao que decidimos denominar cine político-social e no cal se destacan filmes que teñen como fío condutor a loita pola emancipación dos humildes”. A programación contempla a proxección de Persépolis (o 3 de febreiro); A batalla de Chile (o 10 de febreiro); Z (o 17 de febreiro); A confusión (o 24 de febreiro); A batalla de Alxer (o 3 de marzo); Salvatore Giuliano (o 10 de marzo); La chinoise (o 17 de marzo), e Cabaleiro sen espada (o 24 de marzo). As proxeccións celébranse na sala  Emilia Pardo Bazán, no soto do Edificio de Ferro, ás 17.00 horas, e están abertas de balde ás persoas interesadas. Tras o visionado, as sesións ábrense ao debate e ao diálogo entre as e os asistentes.

A primeira das obras elixidas, Persépolis, é unha película francesa de animación baseada na novela gráfica homónima de Marjane Satrapi e dirixida por Vincent Paronnaud que ten recibido distintos recoñecementos, como premio do xurado no Festival de Cannes 2007. Coa súa proxección, indican os responsables da actividade, “o cineclub posiciónase en relación coas mobilizacións populares protagonizadas por mulleres iranianas contra a tiranía fundamentalista”.