DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Comarca reúnese cada mes para comentar un libro escollido por consenso

O club de lectura da biblioteca universitaria retoma a súa actividade

A iniciativa está aberta á inscrición das persoas interesadas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
DUVI Ourense 10/01/2024

No curso 2018-2019 botou a andar na Biblioteca Universitaria Rosalía de Castro do campus de Ourense o seu club de lectura, chamado A Comarca en referencia ás novelas O hobbit e O señor dos aneis de J.R.R. Tolkien. Porén, a pandemia e as restricións posteriores truncaron o seu desenvolvemento. Este curso académico a iniciativa retomou a súa actividade co obxectivo de ser “un lugar de encontro no que as persoas amantes da literatura poidan gozar co intercambio de opinións e ideas sobre obras literarias”.

O club está coordinado pola bibliotecaria Mercedes Pérez e a egresada da UVigo Alba González, que foron xunto á tamén titulada Uxía Veloso as responsables de pór en marcha este proxecto anos atrás. As reunións de A Comarca celébranse unha tarde ao mes na biblioteca universitaria nunha data consensuada entre as persoas que forman parte do grupo. En cada reunión debátese sobre a lectura proposta o mes anterior, devólvese o libro que xa se leu e entrégase un exemplar a cada unha das persoas participantes da nova lectura para seguinte mes. Os exemplares que se entregan son proporcionados polo servizo de préstamo de lotes colectivos para clubs de lectura que ten a Biblioteca de Galicia. “Lemos en galego e castelán obras de temática variada, sendo ás veces a lectura proposta unha sorpresa e outras veces consensuada polo grupo”, sinalan as responsables da iniciativa.

O tránsito da lectura individual á compartida

A actividade do club este curso académico arrancou coa lectura de Fahrenheit 451: a temperatura á que o papel dos libros se inflama e arde, de Ray Bradbury, e continuou co libro de Cristina Sánchez Andrade Alguien bajo los párpados. A lectura do Nadal, escollida entre todas as persoas participantes, foi Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, que se comentará na vindeira sesión do club, que terá lugar o martes 30 de xaneiro ás 18.00 h. Desde A Comarca animan a calquera persoa que queira incorporarse ao club a escribir á súa conta de correo electrónica clubdelecturabco@uvigo.gal e achegarse ese día. Na actualidade, indican, o perfil e idade das persoas participantes é moi diverso, desde alumnado de grao ata persoas traballadoras.

“No club de lectura facemos o tránsito da lectura solitaria e persoal ao gozo dunha actividade grupal compartida, enriquecedora, nun espazo físico íntimo no que se degusta a palabra falada”, comentan desde a súa  organización facendo fincapé en que “as bibliotecas universitarias tamén teñen a responsabilidade de achegar a lectura á comunidade universitaria”. Neste senso, lembran como A Comarca forma parte das actividades propostas pola Biblioteca Rosalía de Castro para promocionar a lectura e a cultura literaria en xeral, ao igual que os seus recunchos temáticos, as súas lecturas recomendadas ou a celebración do Día de Rosalía na que participan.