DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco da xornada desenvolvida este venres na Escola de Enxeñaría Forestal

O Clúster da Biomasa achégase ás investigacións e á aposta pola sostibilidade enerxética da UVigo 

Representantes de diferentes empresas coñeceron o traballo do laboratorio de enerxías xiloxeradas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Pontevedra 27/10/2023

Integrado por preto dunha trintena de empresas e entidades, entre as que se atopa a propia Universidade de Vigo, o Clúster da Biomasa de Galicia levou a cabo este venres na Escola de Enxeñaría Forestal unha “xornada de participación” dirixida, como explican, á “posta en común de proxectos e ideas que permitan afrontar de forma conxunta os retos do sector e fomentar as alianzas entre asociados e axentes de interese do sector”. Nese propósito, os socios do clúster puideron coñecer as liñas de investigación que se desenvolven no laboratorio de enerxías xiloxeradas da escola, para logo completar a xornada cunha “visita demostrativa” á rede de produción de calor a partir de biomasa do campus pontevedrés.

Nese senso, ademais de para abordar os diferentes proxectos en curso do clúster, un propósitos deste encontro, no que participou tamén alumnado da escola, era coñecer “instalacións singulares” como o district heating do campus, a rede de produción e distribución de calor posta en funcionamento en 2021. Financiada nun 80% pola Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e enmarcada no Plan de Sostenibilidade da Universidade de Vigo, Plan SUVI, trátase dunha planta cunha potencia de 2 megavatios, que dá servizo ao edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública e á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Ao longo de 2022, esta instalación fixo posible unha produción de enerxía de 600.00 kW hora e, ademais, este district heating fai tamén posible evitar a emisión de cerca de 245 toneladas de CO2 á atmosfera cada ano.

Previamente, os representantes do Clúster da Biomasa, entre os que figuran varios egresados da EEF Forestal, achegáronse tamén, da man do catedrático Luis Ortiz, ás diferentes liñas de investigación centradas na biomasa que se desenvolven nesta escola. Nunha visita á planta piloto de transformación física de biomasa residual, as e os participantes neste encontro coñeceron os traballos realizados para a obtención tanto de carbón vexetal como de biochar a partir de restos de masas arbóreas sen valor comercial, desenvolvidos no marco do proxecto Biofore Plus. “Dentro do clúster hai varias pezas e nós somos a que se dedica máis á parte de investigación”, sinalou Ortiz respecto do papel que xoga a UVigo nesta organización. Nesa idea, o catedrático sumou tamén a este encontro varias posibles liñas de traballo, como o “aproveitamento con fins enerxéticos da acacia”, unha especie considerada invasora, ou a posibilidade de xerar pellets “torrefactados”, coa que, explica, acadaríase “un maior poder calorífico”, á vez que se limitarían os danos que a humidade provoca neste material.