DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A EE de Telecomunicación acolleu a xornada de peche do proxecto liderado por atlanTTic

Conclúe en Vigo o programa formativo europeo DRIVE-In centrado en aplicacións de fotónica na industria da automoción

Este doutoramento industrial europeo permitiu formar a tres enxeñeiros de Armenia, China e Portugal

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 17/11/2023

O programa formativo europeo DRIVE-In (Integrated Photonics for the next generation of autonomous Vehicles using InP technologies), centrado en aplicacións de fotónica integrada ao servizo da automoción e liderado polo investigador de atlanTTic, Francisco Javier Díaz, pechou, tras catro anos de traballo, a súa actividade cunha xornada celebrada este venres na Escola de Enxeñaría do campus de Vigo. 

O proxecto está incluído nas accións do programa Marie Curie de Redes Europeas de Formación (ITN) que se ocupa de formar e desenvolver persoal altamente cualificado en tecnoloxías innovadoras, e está integrado no Horizonte Europa da Unión Europea. En concreto, DRIVE-In é unha rede europea de formación de vangarda a través dun doutoramento industrial na que participan a Universidade de Vigo como socio académico e VPIphotonics GmbH (Alemaña) como socio industrial. O obxectivo era avanzar no coñecemento para aplicar a fotónica integrada na próxima xeración de vehículos autónomos empregando tecnoloxías InP (fosfuro de indio). Cun orzamento dun millón de euros, o proxecto arrancou en 2019 e converteu á UVigo “nun raro caso de éxito, ao conseguir a institución académica coordinar dúas accións ITN en anos consecutivos e na mesma disciplina tecnolóxica”. Así o explicaba o profesor Díaz cando se coñeceu a aprobación deste iniciativa, que foi unha das dez propostas mellor valoradas polos revisores dentro da súa modalidade. Agora, cando conclúe o seu desenvolvemento, o responsable de DRIVE-In considera que o proxecto logrou cumprir as expectativas que tiña dende o seu inicio e “os seus resultados foron realmente frutíferos, xa que os estudantes estiveron traballando en diferentes proxectos de investigación dos que xurdiron dúas patentes e unha spin-off relacionada coa fabricación de semicondutores, participando tamén en diferentes formacións tanto no sector académico como no industrial”.

Xornada de peche

O proxecto pechou hoxe a súa actividade cunha xornada na que participaron os tres enxeñeiros elixidos para recibir esta formación: Vahram Voskerchyan (Armenia), Yu Tian (China) e Nelson Filipe Pinto (Portugal), xunco co propio director do programa, investigador de atlanTTic e presidente de Aephos, Francisco Díaz; o profesor Francisco Soares, ex chefe científico de Fraunhofer Heinrich-Hertz-Institute; Miguel Carbonell-Valin, COO do QOPHY Lab da UVigo; Javier Fraile, catedrático da UVigo experto en comunicacións ópticas e o director executivo de Gradiant, Luis Pérez Freire. 

A fotónica integrada, tecnoloxía na que a Universidade de Vigo é pioneira a través do seu persoal investigador, é unha das aplicacións polas que a Unión Europea está a apostar nos últimos anos. O proxecto DRIVE-In pretende fomentar a súa aplicación na industria automobilística mediante o desenvolvemento de novos kits de deseño de  procesos (PDK) xenéricos de fosfuro de indio (InP), así como a creación de ferramentas de simulación e procedementos de modelado para o seu uso en sistemas optoelectrónicos (fotónica integrada combinada e microelectrónica). No proxecto, ademais da Universidade de Vigo, VPIphotonis e o Franhoner Institute, participan tamén o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e Bright Photonics, centros especializados na tecnoloxía do automóbil e no deseño fotónico integrado, respectivamente.