DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo e AJE-Pontevedra promoven o programa ‘In-Teams’, no marco da rede Eusumo

Un concurso busca conectar o emprendemento coas investigacións que se desenvolven no campus

As persoas seleccionadas traballarán en equipos multidisciplinares

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Estudantado
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 18/07/2023

Favorecer a creación de proxectos empresariais que teñan como punto de partida investigacións levadas a cabo no campus de Pontevedra é un dos propósitos centrais do programa de emprendemento In-Teams, que a Universidade de Vigo e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) poñen en marcha no marco da Rede Eusumo da Xunta de Galicia. Articulado nun formato de concurso, este programa promoverá a creación de equipos multidisciplinares que traballen no desenvolvemento de proxectos empresariais que teñan como punto de partida tanto investigacións desenvolvidas no Campus Crea como ideas de negocio das propias persoas seleccionadas. Ata o 31 de xullo permanece aberto o prazo de inscrición neste programa, no que as e os participantes contarán con formación e asesoramento para o desenvolvemento duns plans de empresa cos que optarán a dous premios de 750 e 500 euros.

Xurdido da colaboración entre a Vicerreitoría do campus e AJE-Pontevedra, In-Teams enmárcase no programa de actuacións de 2023 da Rede Eusumo, impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta co obxectivo de fomentar o cooperativismo e a economía social e que conta co financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social. Aberto á participación tanto da comunidade universitaria como de emprendedores e emprendedoras, a segunda edición desta iniciativa foi presentada este martes na Casa das Campás pola vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, a presidenta de AJE-Pontevedra, María Buceta, e o coordinador da Rede Eusumo na UVigo, José María Cancela. 

“Incentivar o emprendemento é unha das responsabilidades que temos como Universidade”, salientou Lantarón, que incidiu na importancia que ten para a universidade un proxecto que pon o foco na economía social. “Aquí xúntanse dúas cuestións, fomentar o emprendemento como unha saída alternativa á vida laboral e fomentar unha actividade emprendedora comprometida”, engadiu a presidenta de AJE-Pontevedra, que destacou a importancia que ten para esta asociación xerar sinerxías coa Universidade. 

Inscricións ata o 31 de xullo

Ata o 31 de xullo permanece aberta a inscrición nunha iniciativa aberta á participación de alumnado de máster e doutoramento, estudantes de último curso de grao, integrantes dos grupos de investigación e egresados e egresadas das últimas promocións, así como tamén “a calquera persoa que teña unha idea de negocio”, explicou Lantarón. A inscrición pode realizarse na web de In-Teams, a través dun formulario no que as persoas que desexen traballar sobre unha idea de negocio propia deberán achegar información sobre esta, así como das persoas acompañantes que tamén desexen participar no programa.

Deste xeito, como explicou Cancela, os equipos poderán traballar tanto nunha das ideas dos seleccionados e seleccionadas como por propostas vinculadas a traballos de investigación. “O obxectivo é vincular co emprendemento ideas que saen da Universidade, de alumnado que está finalizando os seus estudos ou realizando o doutoramento e apoialos no seu desenvolvemento, guialos nun camiño que moitas veces é descoñecido para eles”, salientou.

Traballo en equipos multidisciplinares

A selección de participantes comunicarase antes do 4 de agosto e xa en setembro terá lugar o evento de presentación, no que se conformarán os equipos e asignaráselle a idea de negocio ou resultado de investigación co que traballarán. “Escollerase aquela que teña máis viabilidade”, sinalou Cancela, que incidiu en que un dos propósitos deste programa é promover o traballo en equipo de persoas de diferentes perfís, para que traballen conxuntamente no desenvolvemento dun plan de empresa, independentemente de si parte ou non da idea que propuxeron. “Todo o equipo traballa a idea escollida, co que potenciamos o traballo en equipo, que é fundamental para que os proxectos saian adiante”, destacou. 

Nesa liña, o programa conta con seis sesións formativas, nas que traballarán dende o modelo de negocio e as particularidades da economía social e das súas fórmulas xurídicas ata a forma na que comunicar e defender o plan de empresa. Os equipos contarán tamén coa titorización de persoas expertas no desenvolvemento de plans de negocio.

Xa en outubro, estes equipos multidisciplinares deberán presentar e defender estes plans de empresa diante do comité coordinador do proxecto, que terá en conta aspectos como a viabilidade do proxecto empresarial, o seu carácter innovador, o seu grao de escabilidade e madurez e o seu potencial para xerar emprego. As mellores propostas serán recoñecidas cun primeiro e un segundo premio, dotados con 750 e 500 euros, respectivamente. 

Segunda edición

Da man da Vicerreitoría e AJE-Pontevedra, o programa In-Teams levouse a cabo por primeira vez en 2022 “e tivo unha moi boa acollida”, como lembrou Buceta. Nela resultou gañaedora un proxecto centrado no acondicionamento de contedores para convertelos en albergues accesibles para persoas con mobilidade reducida, Horreum. Por outra banda, co segundo premio foi recoñecida a proposta Pedaleando contra o Párkinson, da investigadora da Facultade de Fisioterapia Karina Pitombeira, que tiña como punto de partida unha liña de investigación do grupo HealthyFit sobre os beneficios do traballo cun cicloergómetro intelixente con pacientes de párkinson.