DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As súas autoras son as estudantes María Alonso e Zaida Villanueva

O concurso de fotografía do Grao de Enxeñaría Agraria premia unha imaxe da Ribeira Sacra e outra da fermentación do viño

O certame estivo aberto a alumnado universitario, de FP e de Bacharelato

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Divulgación
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 20/06/2023

Por segundo ano consecutivo, o Grao de Enxeñaría Agraria, que se imparte na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, convocou este curso académico un certame de fotografía, aberto a alumnado tanto universitario como preuniversitario, certame que xa ten gañadoras. O premio á mellor fotografía na categoría de alumnado universitario foi para a estudante desta Facultade de Ciencias María Alonso Gato, pola imaxe Agrosistema conformado por socalcos na Ribeira Sacra. Na categoría de alumnado de FP, o premio foi para a estudante Zaida Villanueva García, do Ciclo Superior de Vitivinicultura do CPR Belarmino Fernández Iglesias (de Sober, Lugo), pola imaxe O ollo do viño. A súa obra amosa os restos de lías no fondo dun depósito baleiro tras rematar a fermentación alcohólica do viño e proceder á súa primeira trasfega.

O concurso formou parte da celebración do patrón desta titulación, San Isidro, e estivo aberto á presentación de fotografías de temáticas referidas a calquera aspecto do traballo dunha ou dun enxeñeiro agrónomo. Cada premio estivo dotado cun ordenador portátil. O acto de entrega de galardóns terá lugar na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o día 23 de xuño ás 17.30 h, durante a celebración do acto de graduación do alumnado deste centro. O obxectivo deste certame foi contribuír a visibilizar a relevancia do sector agrario tanto na provincia de Ourense como no conxunto de Galicia, onde é un dos máis relevantes polo seu peso socioeconómico histórico e un dos que nos últimos anos ten vivido unha maior transformación debido ao impacto da tecnoloxía e ás demandas da poboación.

Con esta iniciativa, sinalan desde a súa organización, o Grao de Enxeñaría Agraria quere que o alumnado, tanto universitario como preuniversitario, se achegue e coñeza as “enormes oportunidades de futuro” que existen neste sector e nesta profesión, apuntando as altas taxas de empregabilidade das e dos egresados nesta titulación que se oferta no campus de Ourense. O Grao de Enxeñaría Agraria, lembran, habilita para o exercicio da profesión regulada de enxeñeira ou enxeñeiro técnico agrícola, ofrecendo os coñecementos científicos e tecnolóxicos vinculados á produción agrícola-alimentaria e paisaxística. Os sectores de traballo destes profesionais abarcan diferentes campos tanto na industria agroalimentaria como na xeral, sendo algunhas das súas saídas as novas tecnoloxías agrarias, a agricultura de precisión, a tecnoloxía e procesado de produtos, o control de calidade e seguridade agroalimentaria, a xardinaría, a planificación do territorio e paisaxismo, a enxeñaría rural e proxectos de industrias agrarias e alimentarias, a xestión de empresas e comercialización de produtos, peritacións industriais e investigación, etc.