DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Convócase un certame co gallo da conmemoración do nacemento da escritora

Un concurso de videopoemas para o Día de Rosalía de Castro

Serán proxectados no acto de homenaxe que se celebrará o 23 de febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 14/02/2023

O Día de Rosalía, o 23 de febreiro, tense convertido ano tras ano no campus de Ourense nunha cita importante para reivindicar a lingua e a cultura galegas. Este ano, unha vez máis a comunidade universitaria unirase a esta conmemoración (posta en marcha pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro) nun acto para o que xa se quecen motores coa convocatoria dun concurso de videopoemas.

A Vicerreitoría de campus de Ourense xunto coa Facultade de Educación e Traballo Social e a Biblioteca Rosalía de Castro convocan este certame, ao que pode presentar calquera persoa pertencente á comunidade universitaria da UVigo, de xeito individual ou colectivo, podendo só enviarse un traballo por persoa ou colectivo. A peza que se presentará consistirá nunha videogravación feita co teléfono móbil, na cal se sonorice un pequeno fragmento ou estrofa dun poema de Rosalía ou de creación propia a partir de versos da autora. O fragmento elixido e a temática da videogravación é totalmente libre, aínda que se potencia a relación co lema desta edición do Día de Rosalía: Cumpriuse a xustiza.

A duración da videogravación non excederá os 60 segundos e gravarase cun móbil coa maior resolución posible, en horizontal e cos formatos aconsellados nas bases do certame. Pódese gravar en cor ou en branco e negro e os arquivos deben enviarse a videopoemasrosalia@gmail.com. Os premios para as pezas gañadoras consistirán en elementos publicitarios do campus de Ourense. O xurado seleccionará os traballos gañadores pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía de Castro menos populares. Os traballos poden enviarse ata o 16 de febreiro.

Os traballos seleccionados incluiranse nun audiovisual que se presentará o 23 de febreiro no Edificio de Ferro, cando se celebre o Día de Rosalía. Seguindo a dinámica de anos anteriores, o acto de homenaxe á escritora galega contará, ademais de co visionado destes videopoemas, coa lectura do manifesto encargado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co gallo desta conmemoración e diversas actuacións de alumnado de Educación e Traballo Social arredor da obra de Rosalía de Castro, desde danza ata lecturas sonorizadas de poemas. O acto, que comezará ás 12.30 h, será aberto ás persoas interesadas.