DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con 38 votos a favor, 3 en contra e 2 abstencións

O Consello de Goberno aproba por ampla maioría un proxecto de orzamentos para 2023 próximo aos 228 millóns de euros

A política de PAS, o gasto de persoal e orzamento dos centros, centraron o debate

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/12/2022

A Universidade Vigo contará no ano 2023 cun orzamento próximo aos 228 millóns de euros (227.915.618), unha contía que supón un incremento do 14,7% en relación co exercicio 2022, e que o converten no máis elevado da súa historia. Na sesión ordinaria celebrada hoxe, o Consello de Goberno da UVigo deu luz verde con 38 votos a favor, 3 en contra e 2 abstencións a un “orzamento para estar satisfeitos e que agora elevaremos ao Consello Social para a súa aprobación”, dixo o reitor, Manuel Reigosa, que xunto á xerenta, Yolanda Lesmes, defendeu o proxecto de orzamentos, no que o incremento se deriva, dunha banda, da sinatura do novo plan de financiamento do SUG (PFSUG) e, doutra, do aumento na captación de fondos por mor das novas convocatorias para investigación e dos fondos do Mecanismo para la Recuperación y la Resiliencia (MRR). “A UVigo presenta un orzamento baixo o principio do equilibrio, que permite un crecemento constante e permitirá as actuacións precisas para que a súa estrutura se consolide co financiamento axeitado”, destaca Yolanda Lesmes, responsable da Xerencia da UVigo, encargada por vez primeira, tras a entrada en vigor dos novos Estatutos, da redacción dos orzamentos. Á presentación do proxecto orzamentario seguíronlle as intervencións de varios membros do Consello que criticaron algúns aspectos da política que co PAS (Persoal de Administración e Servizos) desenvolve o equipo de Goberno, ademais de alertar de que o gasto de persoal supera ás transferencias correntes da Xunta e manifestar a súa desconformidade cos criterios para orzamentar as facultades de nova creación como Dirección e Xestión Pública.

Na derradeira sesión do ano 2022 do órgano de goberno, o Consello tamén aprobou o teito de gasto non financeiro da UVigo para 2023 por un importe de 175.670.490,7 euros, así como a creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e a selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de catedrático, profesorado titular de universidade e profesorado contratado doutor correspondentes á Oferta de Emprego Público (OEP) para PDI da UVigo para o ano 2021 e 2022, ademais da creación das prazas correspondentes á selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de profesorado titular de universidade correspondentes á OEP para PDI da UVigo do ano 2021 para persoal investigador Ramón y Cajal con certificación I3 e da creación das prazas correspondentes. Despois da súa retirada da orde do día do Claustro, celebrado o pasado o luns, non se abordou na sesión de hoxe a aprobación da proposta de creación do Centro de Posgrao e Formación Permanente. 

O orzamento máis elevado da historia da UVigo 

Logo de iniciar a súa intervención describindo o escenario orzamentario e os condicionantes económicos e legais nos que se desenvolve o proxecto de orzamentos para o ano que vén, a xerenta da UVigo debullou os aspectos máis salientables dos capítulos de ingresos e gastos, destacando que por vez primeira a UVigo supera os 200 millóns de euros e sinalando como eixos deste crecemento o Plan de Financiamento do SUG 2022-2026, os fondos MMR, os recursos propios e os procedentes da actividade investigadora. Xa no capítulo de gastos, Lesmes sinalou os que máis se incrementan respecto de 2022: os gastos de persoal, os correntes e as inversións reais.

Ademais de destacar o mantemento do equilibrio orzamentario ao longo do ciclo económicos dende 2012, Lesmes tamén incidiu nas súas conclusións en que, fronte ao anterior, o actual Plan de Financiamento do SUG favorecer a dotación da UVigo. “A Universidade de Vigo é quen de concorrer con éxito ás convocatorias de axentes financiadores ao marxe do Plan de Financiamento do SUG e obter recursos, nomeadamente, da actividade investigadora e as súas infraestruturas”, sinalou Lesmes, que tamén puxo o acento nas súas conclusións, no maior peso do capítulo I nos conceptos do orzamento de gasto. “Coa súa dotación cóbrense os incrementos salariais aprobados polo Estado e as políticas de persoal desenvoltas polo Goberno da UVigo a prol da estabilización, unificación dos réximes xurídicos e retención de talento”. A xerenta tamén destacou algunhas das iniciativas de alto interese para a UVigo que contempla o orzamento como o barco para investigación mariña do CIM, a implantación do proxecto de comunicación cuántica ou a adquisición dun espectómetro e sinalou que, aínda que a Universidade “segue a dispoñer de recursos propios para atender o gasto estrutural non financiado por outros axentes, deberán empregarse esforzos para adoptar medidas orientadas a consolidar ingresos que garantan a estabilidade orzamentaria e a saúde financeira da institución”.

Discriminación do PAS, gastos de persoal e orzamentos para novas facultades 

Ás explicacións da xerenta seguíronlle ás intervencións de varios membros do Consello de Goberno nas que manifestaron, no caso da representante do PAS Anabel González Penín e representantes sindicais deste colectivo, María José Ríos Santomé e Luis Pérez Gómez, a súa desconformidade con diversos aspectos da política que o equipo de Goberno está a desenvolver co Persoal de Administración e Servizos, concretamente: a inexistencia dunha política de promoción horizontal, a falta de acordo sobre o teletraballo, a eliminación de seis postos de traballo e o descenso na partida destinada á formación do PAS, respecto do ano pasado, ademais de solicitar información sobre os mecanismos a empregar para a análise de postos. En resposta a estas intervencións, tanto o reitor, como a xerenta, manifestaron a súa disposición a negociar a carreira horizontal do PAS; defenderon, “porque así se recolle nos Estatutos”, a captación de talento do PAS para necesidades concretas como se fai no caso do PDI e manifestaron a súas expectativas de poder acadar para o 2023 un acordo sobre o teletraballo. “O orzamento non é unha declaración en negativo cara un colectivo, hai que ser realista co que é este documento”, dixo Yolanda Lesmes, que defendeu que os orzamentos “estabilizan as políticas de persoal desenvolvidas estes anos”, dixo. Pola súa banda, o reitor solicitou, “agora que estamos coa negociación da masa salarial que teñamos cabeza para saber que PAS e que PDI necesitamos”.

En nome de Nós Universidade, a docente e investigadora Coral del Río Otero alertou do que cualificou de “indicadores moi preocupantes” que aparecen nos orzamentos para ano que vén. Del Río explicou que o gasto de persoal (que se incrementa un 31,5%) supera ás transferencias correntes da Xunta (que aumentan un 20%) e “Nós Universidade non estamos de acordo con estas cifras, si o estaríamos se fose porque hai un plan ambicioso de rexuvenecemento do persoal, pero non.  Por iso votaremos que non”. A catedrática tamén manifestou a súa preocupación porque se inclúa nos orzamentos unha disposición adicional que autoriza ao reitor a realizar trámites para operacións de empréstito dentro da normativa vixente, “sendo unha autorización para endebedarnos, estaría ben que se explicase cal é a finalidade e que significa”, dixo. O reitor respondeu defendendo a política de persoal desenvolvida polo equipo de Goberno en aspectos como a acreditación das e dos catedráticos, recoñecemento de trienios, programas de captación de talento ou subas salariais. “Hai unha discrepancia de modelo” dixo o reitor, que tamén asegurou que “agradezo que a oposición exerza de oposición porque se botaba de menos”, ao tempo que rexeitou a intención da UVigo de endebedarse, “porque a nosa situación económica é oi favorable”. Pola súa  banda, a xerenta afirmou que a normativa ten que prever todas as situacións que poidan darse no ámbito da xestión.

Pola súa banda, o docente e investigador Álvaro López Mira lamentou e solicitou información sobre os criterios utilizados pola Xerencia para orzamentar as facultades de nova creación e concretamente a de Dirección e Xestión Pública con 17.000 euros. Neste sentido, López Mira argumentou que outros centros de recente creación, como a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo contaran no seu día con máis de 34.000 euros, razón pola que solicitou que se modificase a asignación a Dirección e Xestión ou se “solucione unha aparente discriminación”. Ante esta demanda, Manuel Reigosa e Yolanda Lesmes expresaron a súa vontade a estudar novos criterios de asignación, “cara ao ano que vén debemos sentarnos e falar de novos criterios como número de estudantes, actividades, número de docentes, instalacións, etc.”, dixo a xerenta. Pola súa banda, o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez, tamén advertiu dun erro na asignación do orzamento ao seu centro, logo do incremento rexistrado no alumnado dos graos que se imparten no centro.

O retraso no pago dos trienios recoñecidos ao persoal investigador centrou a intervención da representante sindical Marta Pazos, á que o reitor pediu desculpas por un problema derivado da migración que se está a realizar a un novo sistema de xestión, asegurando que os pagos se realizarán a partir do 1 de xaneiro. 

Selección de áreas de coñecemento 

Na derradeira sesión de Consello de Goberno do ano aprobouse por asentimento a selección de áreas de coeñecemento para participar na convocatoria de prazas de catedrático, profesorado titular de universidade e profesorado contratado doutor correspondentes á Oferta de Emprego Público (OEP) para PDI da UVigo para o ano 2021 e 2022 e da creación das prazas correspondentes. Así mesmo, tamén se deu luz verde á selección de áreas de coñecemento para participar na convocatoria de prazas de profesorado titular de universidade correspondentes á OEP para PDI da UVigo do ano 2021 para persoal investigador Ramón y Cajal con certificación I3 e da creación das prazas correspondentes.  “Nesta primeira convocatoria, dentro das prazas do 15%, só se convocan dúas para os investigadores Ramón y Cajal, posto que ao estar sen resolver a convocatoria de incentivación da consolidación investigadora 2022, pode ser que algunha das solicitudes presentadas para a consolidación polo persoal da UVigo sexa resolta positivamente, polo que habería que crear a praza de carácter permanente correspondente”, explica Alfonso Lago, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións, que avanza que na segunda convocatoria xa se proporá crear todas as prazas correspondentes ao PDI que cumpra as condicións.

Aprobada a creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación

Logo de que o Claustro aprobase o pasado luns  tamén por asentimento o informe preceptivo sobre a proposta de creación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, o Consello de Goberno deu luz verde hoxe a súa creación. Xurdido como unha evolución necesaria da agrupación estratéxica CITACA, tras decidir a Xunta non financiar este tipo de estruturas, o Instituto de Agroecoloxía e Alimentación  nace coa vocación de converterse nunha referencia na promoción, a través da I+D+i, da transición cara a sistemas agroalimentarios máis resilientes, sostibles e seguros. Saúde e calidade do solo; xestión e valorización de subprodutos; xestión e manexo de cultivos e calidade e seguridade dos alimentos, son as prioridades do instituto que contará con 17 liñas de investigación. 

Certificada a súa creación por parte do Consello de Goberno, o Consello Social tamén deberá aprobalo, “a partir de aí xa faremos a primeira reunión da xunta directiva e que empece a funcionar. Outra cousa é que sexa recoñecido polo Consello Galego de Universidades, pero a efectos da UVigo xa estaría aprobado”, sinala a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio. 

No ámbito da investigación, o Consello tamén aprobou este mércores a prórroga da condición de investigación honorífica da UVigo de María Loureiro García, catedrática da USC e directora científica de Ecobás.