DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Por 34 votos a favor, un en contra e tres abstencións 

O Consello de Goberno aproba por maioría a modificación das normas de elaboración do Plan de Organización Docente 

Reigosa considera o Hospital Provincial “moi bo” para a Facultade de Enfermaría en Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/03/2023

A aprobación da modificación das normas de elaboración do Plan de Organización Docente (POD) da UVigo por 34 votos a favor, un en contra e tres abstencións centrou este xoves boa parte da sesión ordinaria que celebrou o Consello de Goberno, na que tamén se deu luz verde, neste caso por asentimento, a outras modificacións do ámbito docente como a do Plan de promoción a profesor titular e catedrático ou a da normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, así como á convocatoria do Plan de Promoción de profesorado asociado acreditado para o vindeiro curso. Na sesión de hoxe, as e os integrantes do Consello aprobaron por asentimento o calendario académico para o vindeiro curso, no que a actividade docente comezará o 11 de setembro e finalizará o 7 de xuño, distribuída en dous períodos equivalentes: un do 11 de setembro ao 26 de xaneiro e outro do 29 de xaneiro ao 7 de xuño. Precisamente, segundo confirmou hoxe o reitor, a UVigo acollerá o acto conxunto de apertura do curso 2023-2024 do SUG, no que a catedrática do Departamento de Escultura Yolanda Herranz impartirá a lección inaugural. 

A aprobación do regulamento da planta piloto de Industrias Agroalimentarias do campus de  Ourense e a do cambio de denominación de Cinbio, que pasa de ser o Centro de Investigacións Biomédicas a Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina e a presentación do informe sobre o progreso e do rendemento académico do estudantado da institución, foron outras cuestións abordadas na sesión de Consello, que comezou co informe do reitor. Logo de confirmar que ao longo de este ano se agarda recibir o informe sibre a acreditación de Campus do Auga, despois do que se iniciará o mesmo proceso co Campus Crea, Manuel Reigosa manifestou novamente o seu apoio á proposta da Xunta que permitiría situar a futura Facultade de Enfermaría de Pontevedra no edificio que ocupa o Hospital Provincial. “Penso que a oferta da Xunta é moi boa e positiva", dixo Manuel Reigosa, que rexeitou “entrar en liortas política. Debemos estar fóra desta cuestión”, dixo o reitor, que expresou a súa expectativa en que no curso 23/24 poida ser unha realidade a incorporación do alumnado de 1º curso ao novo centro. Reigosa lembrou que o campus de Pontevedra medrou nos últimos anos e precisa de servizos como unha residencia de estudantes, a reordenación do campus da Xunqueira, a cesión dos terreos de Tafisa ou a Facultade de Deseño, que iniciará a súa actividade no edificio de Benito Corbal. 

No seu informe, o reitor aproveitou tamén para felicitar a Helena Cortés e Belén Riveiro pola concesión dos seus respectivos premios nacionais de Tradución e Investigación para Jóvenes,“o que amosa a vitalidade da institución que dá acubillo a estas persoas”, dixo, así como para avanzar que logo da aprobación, previsiblemente a vindeira semana no Senado a LOSU, a UVigo terá que enfrontar nos dous próximos anos a reforma dos seus estatutos. 

Aprobada a modificación das normas de elaboración do POD

O rexeitamento da catedrática e integrante de Nós Universidade, Coral del Río, a que os investigadores posdoutorais teñan que impartir clase, no caso de non existir docente vacante, de xeito simultáneo con outro profesor ou profesora, orixinou un debate no punto referido á modificacións das normas de elaboración do POD, no que, pola súa banda, os directores das escolas superior de Enxeñaría Informática e de Enxeñaría de Telecomunicación manifestaron as súas dúbidas en relación coa asignación do POD no caso dos mestrados, que consideran debe ser apoiada pola normativa. O vicerreitor de Profesorado, Alfonso Lago, foi encargado de expoñer as modificacións das normas de elaboración do POD, que teñen o obxectivo de ir adaptándoas ás necesidades do curso actual en canto a poder mellorar o desenvolvemento da docencia vacante que se produce ao longo do curso, a posibilidade de participación en tarefas docentes do persoal contratado en programas de investigación para que se rexa polo tipo de contrato e a figura á que estea adscrita e á actualización de diversas datas. 

Coral del Río comezou a súa intervención asegurando non estar en contra da modificación, senón dun “parágrafo pernicioso sobre a docencia dos pos-doc”, que dixo, non ten sentido, e que chegou a cualificar de “humillante” para este colectivo. “Isto se incluíu aquí porque hai departamentos que teñen tan pouca carga docente que non teñen espazo para os seus pos-doc. Introdúcese aquí por unha problemática de moi poucos departamentos e que amosa a gran diferenza de carga docente por ámbitos e departamentos desta Universidade”, dixo Del Río, que asegurou que “semella que o problema deste equipo é que goberna para eses poucos departamentos”. Pola súa banda, Lago asegurou que é un parágrafo para favorecer aos pos-doc e non en contra deste colectivo, mentres que o reitor, afirmou que “nós gobernamos para todos con normativas de PDI moi traballadas nas mesas de negociación”. Reigosa asegurou estar de acordo coa representante de Nós Universidade “porque non me gusta que os pos-doc vaian da man”, e manifestou a súa intención de traballar para acadar unha solución mellor que concite que este colectivo poida dar clase coa súa categoría, “e non nos faga un roto polo outro lado”, en referencia ás diferencias en folgura entre áreas e departamentos.

A regulación do POD do máster e a creación de dúas carreiras de persoal docente investigador paralelas, unha cun proceso hipercompetitivo a nivel nacional e autonómico e outras con procesos non tan competitivos, foron outras dúas cuestións que trasladaron o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez, e a representante do sector PAS Anabel G. Penín, respectivamente, neste punto, ás e aos integrantes do Consello de Goberno.   

Modificacións e aprobacións de plans 

Do ámbito do Profesorado na sesión deste xoves o Consello aprobou por asentimento a modificación do Plan de promoción a profesor titular e catedrático na UVigo. Alfonso Lago lembrou que o Plan de promoción actual se aprobou en 2019, cando na UVigo había unha gran bolsa de acreditados, co obxectivo de que cada docente acreditado soubese de forma clara e transparente cando sairía a concurso a súa praza. “Na actualidade cada vez que se convoca un concurso baleirase a listaxe de acreditados polo que a modificación permite ordenar ao profesorado nas listaxe dúas veces ao ano, en lugar de anualmente, e poder sacar se é necesario, dous concursos anuais”, detalla o vicerreitor, que sinala que ao facer dúas posibles convocatorias, permítese que o profesorado que se vaia acreditando poida promocionar sen esperar tanto tempo. Tamén se aprobou na sesión de hoxe o Plan de promoción de profesorado asociado acreditado para o vindeiro curso 23/24, no que non se introducen novidades, manténdose o mesmo número de prazas, cinco, que o curso pasado, “aínda que ao final só foron necesarias dúas prazas, sumando as tres restantes á quenda xeral da convocatoria de axudantes doutores”, aclara Lago. 

Outro punto da orde do día aprobado por asentimento foi a  modificación da normativa de dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, un cambio baseado fundamentalmente na aparición dos institutos universitarios e que directores e secretarios dos mesmos non estaban incluídos na normativa, ademais de corrixirse algúns erros, como a ausencia de coordinadores do Programa Universitario de Maiores.

Regulamento da planta piloto de Industrias Agroalimentarias e nova denominación de Cinbio

Na sesión de Consello de Goberno deste xoves aprobouse o regulamento de funcionamento da planta piloto de Industrias Agroalimentarias do campus de Ourense, que xa está operativa dando servizo a actividades docentes, de investigacion e de transferencia ao Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, sen prexuízo de ser utilizada por persoal investigador doutras agrupacións e por parte de empresas privadas. “Incluímola no LIMS, a plataforma web para a petición e seguimento dos servizos ofertados polo Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (Cacti)”, engade Belén Rubio, vicerreitora de Investigación. 

Precisamente, na sesión de hoxe aprobouse a modificación da comisión do Cacti logo do cambio na dirección do centro, agora dirixido por Sandra Bolaño e na que se produciron incorporacións e saídas dos seus integrantes. Así mesmo, tamén se acordou o cambio de denominación de Cinbio, que pasa de ser o Centro de Investigacións Biomédicas a Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina. “Aprobámolo no consello reitor considerando que a proposta do comité asesor é acertada e encaixa nas liñas de investigación do centro”, explicou Rubio. Por outra banda, deuse luz verde á modificación da normativa de grupos, agrupacións e centros de investigación da UVigo, e que se substancia na eliminación das agrupacións, a substitución do vicerreitor de Economía pola xerenta e a inclusión dos e das directoras dos centros e no anexo a incorporación de todos os centros novos, ademais do cambio de denominación de Cinbio.

Modificación orzamentaria e informe de rendemento do estudantado 

Unha modificación orzamentaria por un importe de 500.000 euros para atender unha necesidade de crédito destinada a proxectos de eficiencia enerxética concedidos e previamente acordada na comisión de Planificación e asuntos económicos, tamén recibiu hoxe o visto e prace do Consello de Goberno. Neste punto a xerenta, Yolanda Lesmes, confirmou, logo da pregunta realizada por Coral del Río, que a estimación do volume de remanentes de libre disposición non comprometidos a UVigo ascenden a día hoxe a algo máis de 7 millóns de euros. “É moito, pero pouco respecto do que había hai catro ou cinco anos e desde Nós Universidades estamos moi preocupados por este descenso do remanente”, dixo Del Río, á que Lesmes lembrou que “estes remanentes son recuperables”.

Os membros do órgano de goberno da UVigo tamén foron informados este xoves do progreso e do rendemento académico do estudantado da institución nun informe presentado, por vez primeira, pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade. Natalia Caparrini explicou que, segundo a normativa, o informe “hai que presentado anualmente e dalo a coñecer aos centros para que poidan orientar ao alumnado, ademais de publícalo na web. Esta é primeira vez que se presenta e reflicte o número de solicitudes extraordinarias presentadas para continuar estudos nas UVigo por non cumprir os criterios para seguir, así como os criterios que establece a comisión para admitilas ou non e a porcentaxe de admitidas, ademais dunha avaliación destes datos”. A normativa deberá revisarse cada dous anos.

Na quenda de intervencións o representante sindical do PAS Carlos Mollinedo solicitou a inclusión nun punto da orde do día do vindeiro Consello no que o equipo de Goberno aclare cuestións relativas ao PÁS como a reordenación da RPT, a carreira profesional, os acordos sociais, xestión da xornada de traballo e compromisos orzamentarios.