DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión tamén se abordou a modificación do regulamento de prácticas externas do estudantado

O Consello de Goberno aproba a oferta pública de emprego da UVigo para 2023: 160 prazas de PDI e 14 de PAS

O reitor, no seu informe, avanzou que a atención psicopedagóxica está garantida nos tres campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 22/11/2023

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo, na sesión ordinaria celebrada este mércores, deu o visto bo ás ofertas de emprego público de 2023 tanto do persoal docente e investigador como do persoal de administración e servizos. En concreto para o primeiro colectivo aprobáronse 160 prazas e para o segundo 14, unhas ofertas para cuxa execución a institución conta cun prazo de tres anos. Nesta xuntanza, o órgano colexiado tamén aprobou, entre outros temas, unha modificación do regulamento das prácticas externas para adaptarse así ao Real decreto-lei 2/2023 que entrará en vigor en xaneiro e que establece a inclusión no sistema da Seguridade Social do alumnado que realice prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación. Ademais, no seu informe o reitor, Manuel Reigosa, avanzou as novas medidas nas que se está a traballar e que garanten a atención psicopedagóxica para o alumnado nos tres campus.

Unha oferta de emprego público do PAS integrada por 14 prazas

Logo da negociación entre a Xerencia da Universidade de Vigo e os órganos de representación do PAS (Xunta de Persoal Funcionario e Comités de Empresa de Ourense e Pontevedra), concretouse unha oferta de emprego público do persoal de administración e servizos (PAS) para o ano 2023 composta por 14 prazas, todas elas incluídas na respectiva relación de postos de traballo (RPT) do PAS resolución de 02 de decembro de 2021. A proposta foi presentada no Consello de Goberno pola xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, que detallou que oito das prazas corresponden ao subgrupo A1: dous técnicos superiores en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, subescala Informática; dous técnicos superiores de Apoio á Docencia e Investigación, subescala Microscopía Electrónica; un técnico superior de Apoio á Docencia e Investigación, subescala Análise instrumental; un técnico superior de Apoio á Docencia e Investigación, subescala Xenómica; un técnico superior de Servizos Xerais, subescala Emprego e Emprendemento e outro técnico superior de Servizos Xerais, subescala Riscos Laborais. Outras catro prazas corresponde ao subgrupo A2: un técnico medio de Apoio  Docencia e á Investigación, subescala Actividades Aeroespaciais e tres técnicos medios en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, subescala Informática. Completan a oferta unha praza no subgrupo C1 de técnico especialista de Servizos Xerais, subescala Transporte e Distribución e outra do subgrupo C2 de auxiliar técnica de Servizos Xerais, subescala Deportes.  

Destas 14 prazas, catro resérvanse para promoción interna (A1 Informática e A1 Riscos Laborais e dúas prazas A2 da subescala Informática) mentres que outras nove serán de acceso libre e unha última forma parte da cota de reserva para persoas con discapacidade, en concreto unha das dúas prazas A1 de Microscopía Electrónica.

Neste punto interveu Anabel González Penín, como representante do PAS, para poñer de manifesto que considera esta oferta “insuficiente”, ao non recoller “as necesidades reais da administración nestes momentos na UVigo”. Finalmente a oferta aprobouse con 31 votos a favor, dous en contra e unha abstención.

160 prazas na oferta de emprego público do PDI

No que respecta á oferta de emprego público do PDI para 2023, a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, detallou que, tal como se acordou cos traballadores na mesa de negociación e aplicando unha taxa de reposición do 120% a proposta comprende 50 de profesorado titular de Universidade e 80 de profesorado permanente laboral, ás que hai que sumar 30 prazas de promoción interna de catedrático, chegando así ás 160 prazas. Ademais, a OPE recolle que das 50 prazas de profesorado titular, 20 resérvanse para persoal investigador doutor que conte co certificado R3 de conformidade co artigo 22.3 da Ley de la Ciencia, ou teña superado unha avaliación equivalente á do Programa de Incentivación de la Incorporación e Intensificación de la Actividad Investigadora (I3). A OPE foi aprobada por 34 votos a favor, 0 en contra e dúas abstencións.

Por outra banda, a vicerreitora tamén presentou para a súa aprobación a selección de áreas de coñecemento para as 16 prazas de catedrático e sete de profesorado titular pendentes de executar e correspondentes á oferta de emprego do ano 2022. No que atinxe ás prazas de titular as prazas corresponderán ás áreas de Antropoloxía social; Didáctica da expresión corporal; Economía financeira e contabilidade; Filoloxías galega e portuguesa; Prehistoria; Produción vexetal e Química física. No que atinxe ás listaxe de acreditados a catedrático, as 16 prazas corresponderanse ás areas de Comercialización e investigación de mercados; Dereito financeiro tributario; Enxeñaría de sistemas e automática; Enxeñaría telemática; Enxeñaría química; Estratigrafía; Física da terra; Fisioloxía; Linguaxes e sistemas informáticos; Literatura española; Mecánica de fluídos; Óptica e Xornalismo.

Novidades con respecto á atención psicopedagóxica do alumnado 

Ademais de pór ao día aos membros do Consello de Goberno dos feitos máis relevantes acontecidos ao longo das últimas semanas, o reitor aproveitou o seu informe ao Consello de Goberno para pór ao día á comunidade universitaria da situación actual na que se atopa o servizo de Gabinete Psicopedagóxico que se viña ofrecendo na Universidade de Vigo desde hai xa varios anos. Reigosa lembrou neste sentido que a LOSU establece un servizo de atención gratuíto en colaboración coas comunidades autónomas e, “mentres isto non chega”, a UVigo establecera varios plans, dos cales as opcións A e B non saíron adiante, referíndose aquí aos dous concursos que convocou a institución con este obxecto e que, en ambos casos, quedaron desertos. “Estamos xa nun terceiro suposto, o plan C, un preacordo que agardo poidamos asinar moi en breve co Colexio Oficial de Psicólogos, que será o que preste o servizo en vindeiros meses”, salientou o reitor, ao que engadiu que, tamén se terá que pór en marcha o plan D, referido a que durante os meses de novembro e decembro as persoas que precisen asistencia serán derivadas directamente a tres gabinetes, con sede cada un deles en Ourense, Pontevedra e Vigo. Nesta liña, Reigosa agradeceulles ás persoas que fixeron a campaña de recollida de sinaturas en favor do mantemento deste servizo entregadas no Rexistro “porque con isto tamén axudan a construír a Universidade que queremos, unha universidade que, ademais de ser igualitaria, tamén é inclusiva”. Nesta liña, o reitor recalcou que “xa esta todo practicamente listo para activar eses plans C e D e que ninguén quede sen ser atendido nas súas necesidades”.

Ao respecto da constitución do novo Goberno de España, Reigosa valorou moi positivamente a unión da carteira de Ciencia e Universidades e amosouse “optimista” co feito de que a constitución deste goberno axude a que se aceleren os avances na cesión do edificio Siemens na ETEA. “Agora que xa hai goberno en Madrid agardo que en breve teñamos unha persoa que dirixa a Zona Franca e que se produzan avances notorios nese sentido”, recalcou o reitor.

Ao igual ca en anteriores sesións, o reitor tamén fixo fincapé en que a aplicación da nova LOSU “vai mudar moitísimas cousas” e, neste censo, adiantou que a Universidade está xa a traballar, de maneira coordinada cos diferentes departamentos, na planificación da organización docente dos vindeiros anos. “A nosa folla de ruta é que en decembro poidamos aprobar en Consello de Goberno algún procedemento xeral sobre o que queremos facer e como debemos ir facendo esa mudanza”, unha transformación da que Reigosa xa adiantou que será “complexa e cara”, xa que supón “unha masa salarial máis elevada” polo que se precisará da axuda económica do Ministerio,  que o faría a través das comunidades autónomas, algo no que o reitor tamén se amosou “moi optimista”.

Ao marxe destas cuestións Reigosa informou aos membros do Consello de Goberno da saída dunha das universidades do consorcio europeo ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), neste caso a Universidade Niccolo Cusano de Roma, e adiantou que en vindeiras semanas se unirá a este proxecto de creación dunha universidade europea unha nova institución. O obxectivo é, tal e como adiantou, presentarse a un novo proceso de concorrencia competitiva de fondos a finais do vindeiro mes de xaneiro.

Por outra banda, informou tamén de que seguen adiante “a bo ritmo” as xuntanzas de traballo da Comisión de Estatutos e a previsión é que para o segundo trimestre do ano 2024 se conte xa cunha primeira versión preliminar coa que se traballaría no Claustro. 

Novo regulamento para as prácticas externas

As prácticas académicas foron un dos temas centrais desta sesión do Consello de Goberno, xa que o 1 de xaneiro de 2024 entra en vigor a nova disposición adicional quincuaxésima segunda do Real decreto-ley 2/2023, do 16 de marzo, na que se regula a inclusión no sistema da Seguridade Social do alumnado que realice prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación. Como explica a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, “esta inclusión obriga a cambiar as normativa de prácticas, os convenios tipo de cooperación educativa, as instrucións, anexos e a plataforma de xestión de prácticas para cumprir con estas obrigas”,  de xeito que “quede claro que hai que cotizar polo estudantado en prácticas e quen vai a cotizar en cada caso e as responsabilidades dos implicados nas prácticas”. No caso da Universidade de Vigo, detalla a vicerreitora, “para prácticas remuneradas e extracurriculares a responsabilidade é da empresa e para as curriculares non remuneras, en principio, asumiraa a Universidade”. 

En concreto, o Consello de Goberno aprobou nesta sesión a modificación do regulamento de prácticas académicas externas do estudantado, que comprende entre outros aspectos, a exclusión das estadías en empresas para realizar traballos de fin de estudos; a inclusión das prácticas dos títulos propios; o establecemento de xornadas e horas mínimas de realización das prácticas; especificación das causas e o procedemento de finalización anticipada das prácticas; establecemento de que é responsabilidade da empresa comunicar calquera falta de asistencia; os requisitos do alumnado para a realización das prácticas; a inclusión das obrigas en materia da inclusión na SS nos convenios; a definición das prácticas en dependencias da propia Universidade e establécese a opción de recoñecer as bolsas de formación e as bolsas de colaboración como prácticas externas. 

Unha vez aprobada a modificación do regulamento, o Consello tamén deu o visto bo aos convenios tipo de cooperación educativa para a realización de prácticas externas, nos que agora debe figurar quen asume as obrigas de cotización na Seguridade Social. En concreto, no caso das prácticas remuneradas ou prácticas extracurriculares, a responsabilidade da inclusión no sistema da Seguridade Social do estudantado será da empresa, institución ou entidade na que se desenvolvan as prácticas. Pola contra, no caso das prácticas curriculares de grao, mestrado e títulos propios non remuneradas, a responsabilidade do cumprimento das obrigas en materia de Seguridade Social será de modo xeral da Universidade de Vigo. Ademais, tamén se aprobou o mesmo convenio tipo pero, desta volta, para regular as prácticas externas do alumnado dos mestrados interuniversitarios do sistema universitario galego.

Cambios na normativa das dobres titulacións internacionais

Outro dos temas abordados na sesión foi a modificación da Normativa de recoñecemento mutuo de créditos ao abeiro de programas de intercambio, que foi aprobada por asentimento. Como explicou a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, este sistema de recoñecemento de créditos, “que é ao que normalmente chamamos dobres titulacións, é un instrumento de internacionalización e de atracción de estudantado”. Na UVigo, detallou, existen catros titulacións dobres internacionais, dúas na Facultade de Comercio e outras dúas na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense e outro en fase de actualización coa Universidade de São Paulo. Segundo explicou Del Pozo, a normativa que as regula precisa dunha serie de modificacións, por exemplo, para adaptala ao novo Real decreto 822/2021, de 28 de setembro, “que permite entre outras cousas que se inclúa o TFG dentro do contrato de estudos”. Entre as modificacións tamén está a posibilidade e incluír as titulacións virtuais, como é o caso de Dirección e Xestión Pública en Pontevedra, “que quere establecer un convenio de dobre titulación coa UNAD en Colombia, unha universidade virtual, algo que a normativa tal e como estaba non permitía”. Tamén se estableceu, como engadía a vicerreitora, “quen pagará os prezos públicos e se as taxas se aboan na universidade de orixe ou na de Vigo e tamén incluíu que debe existir un equilibrio entre o que marcha e o que se recibe. Para regular todo isto tamén se elaborou un convenio tipo que facilite todos os trámites. 

Outros puntos na orde do día

Nesta sesión tamén se aprobou a modificación do regulamento de réxime interno do Cintecx e do regulamento de réxime interno do Departamento de Tradución e Lingüística, así como a elección de representantes na Comisión Xeral de Prácticas Académicas Externas. Tamén se procedeu a realizar unha modificación da Normativa de Dedicación e recoñecementos docentes do profesorado, que fora aprobada no anterior Consello de Goberno, pero na que faltaban por recoller tres motivos recoñecidos que agora son incluídos.