Esta semana arrancou unha nova edición do proxecto de democratización do saber da UVigo
As mareas de coñecemento chegan este ano aos concellos de Covelo, O Rosal, Poio, Allariz, Lalín e Ribadavia
Ofrecen seminarios sobre diferentes temáticas á poboación rural maior de 50 anos
Un ano máis, as Mareas do Coñecemento da Universidade de Vigo poñen rumbo ao rural galego para tratar de democratizar o acceso ao saber científico, artístico e tecnolóxico entre a poboación sénior. Esta iniciativa, que arrancou en 2018, é unha aposta da institución académica pola formación ao longo da vida e por estender a docencia e a divulgación máis aló dos campus. Deste xeito, con programas específicos para cada concello, búscase expandir as actividades formativas do Programa para Maiores á poboación maior de 50 anos das diferentes comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense. Este ano serán seis as vilas que se unen a este programa: O Rosal, Poio, Allariz, Lalín, Ribadavia e Covelo, onde onte arrancaron as actividades desta nova edición.
O proxecto de democratización do coñecemento, como explica a coordinadora do Programa para Maiores da UVigo, a profesora Carmen María Abreu, “encádrase dentro da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores” creada polas tres universidades galegas para facer fronte dende o eido universitario aos retos derivados do envellecemento poboacional. A finalidade é, como se reflicte no seu nome, favorecer a democratización do coñecemento potenciando e difundindo o saber científico e artístico entre toda a poboación maiores de 50 anos. As accesións específicas van dirixidas a acadar catro obxectivos. Por unha banda, conciencia, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día para revalorizar o patrimonio. Por outra banda, trátase de recoñecer o valor das disciplinas artísticas, mentres que tamén se aposta por adaptar e coñecer as competencias socio-sanitarias dos principios do envellecemento activo. Finalmente, tamén se procura mellor a calidade de vida o benestar das persoas participantes, fomentando a participación e o exercicio intelectual. En cada un dos concellos participantes impartiranse tres ou catro seminarios de diferentes temáticas, con sesións teóricas e prácticas de man de profesorado da Universidade de Vigo especializados nesta campos.
Contidos adaptados a cada concello e comarca
Os contidos do programa están deseñados especificamente para cada unha das comarcas, en colaboración co concello organizador. Un dos temas está sempre acorde ás necesidades dos veciños e veciñas, outro terá o propósito de coñecer, identificar e valorar o seu patrimonio, comprendido non só como patrimonio histórico e artístico, senón tamén como patrimonio arquitectónico, cultural, natural, musical e etnolóxico, e o último buscará mellorar a súa saúde mediante exercicios e consellos sobre a alimentación propia da zona. En xeral, sempre se ofertan contidos de patrimonio local e saúde, e ademais os concellos poden elixir para un seminario unha temática entre ecoloxía, sostibilidade e tecnoloxía. En total, nesta edición o programa en cada concello ten unha duración que varía entre as 10 e as 16 horas, dependendo da cantidade de sesións e seminarios organizados.
O concello de Covelo foi o primeiro en estrear esta nova edición este martes, cun primeiro seminario, centrado na saúde, no que os profesores profesores José Luis García Soidán e Antonio Vázquez Saborido explicaron ás persoas asistentes a importancia dunha alimentación equilibrada e os beneficios do consumo de alimentos locais, sostibles, saudables e de temporada. A sesión práctica deste primeiro seminario tivo lugar onte xoves cunha ruta radio saudable. Neste concello o programa comprenderá tamén un seminario sobre pilates e outro sobre historia e patrimonio cultural de Covelo, con varias sesións en datas aínda por determinar.
Tamén esta semana comezou o programa no concello de Lalín. O mércores tivo lugar o primeiro seminario, de carácter teórico-práctico e centrado no benestar emocional e a calidade de vida, impartido pola profesora Isabel Ferreiro, do Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa. Ao longo da próximas semanas tamén se impartirán neste concello do Deza seminarios de pilates, de saúde e benestar, centrados na nutrición e o exercicio, incluíndo un roteiro cardio-saudable, e finalmente, de novas tecnoloxías, abordando o uso dos teléfonos móbiles e as redes sociais.
O resto dos concellos comezarán ao longo do mes de maio
O resto dos concellos comezarán as actividades ao longo do mes de maio. En Allariz a organización apostou por un seminario sobre arte e historia, poñendo o foco no xacemento de Armea e na igrexa de Santa Mariña de Augas Santas e outro sobre materia fiscal. No Rosal tamén se optou polo pilates, a nutrición e o exercicio como base da saúde e a historia e o patrimonio da contorna do concello. En Poio, pola súa banda, elixiuse tamén o pilates, así como un taller sobre o uso do móbil como ferramenta tecnolóxica e outro sobre saúde centrado na alimentación e a actividade física. Finalmente, en Ribadavia repetirase este esquema con sesións de pilates e talleres sobre o uso do teléfono e sobre a importancia da alimentación para saúde, aspecto este último co que se relacionará unha cata de produtos autóctonos.