DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os representantes da EE Industrial enfrontaranse a vehículos autónomos de cinco universidades

Conta atrás para a participación do equipo AutoCAR no Autonomous Driving Challenge

A proba de condución autónoma promovida por SEAT celebrarase en Madrid os días 23 e 24

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/11/2018

Comezou a conta atrás para a segunda edición do Autonomous Driving Challenge que o venres 23 e o sábado 24 de novembro se celebrará en Madrid. A competición universitaria de condución autónoma, promovida por SEAT en 2017, contará por segundo ano consecutivo con presenza da Universidade de Vigo, representada desta volta polo equipo AutoCAR, integrado por un egresado e catro estudantes da Escola de Enxeñería Industrial. Alejandro Fernández, Yasmina González, Jesús Iglesias, Carlos Lago e Raúl Riera, conforman o equipo AutoCAR, nacido a partir do traballo de fin de grao de Alejandro e o posterior comentario dun profesor da escola sobre a existencia do concurso, que este ano se celebrará no transcurso do evento Imperdible03 da Fundación Cotec para la Innovación. Xunto á Universidade de Vigo, as politécnicas de Madrid, Catalunya e Valencia, a Rovira i Virgil e a Universidad de Valladolid, gañadora da primeira edición do certame, participarán na segunda edición do Autonomus Driving Challenge, no que os vehículos autónomos a escala presentados por cada equipo terán que superar varias probas nun circuíto que simula unha contorna urbana. 

“Nós imos coa expectativa de aspirar a algún premio, igual non o primeiro porque o nivel no que competimos é moi alto, pero estar no segundo ou no terceiro lugar, creo que temos posibilidades para conseguilo”, explica Alejandro Fernández, coordinador do grupo, para quen, con independencia do que poidan gañar ou non “o máis importante é a experiencia que levamos, o aprendido e as amizades que fixemos ao longo destes seis meses”. O Arona a escala 1.10 co que AutoCAR participará na competición é un prototipo que xa superou coa máxima puntuación dúas probas eliminatorias, nas que outras universidades quedaron apeadas. Nas probas que se celebrarán na capital de España o venres e o sábado, o vehículo deseñado por AutoCAR deberá resolver, primeiro, o circuíto conducindo de xeito autónomo sen obstáculos na calzada, nin sinais, para logo volver percorrer o mesmo trazado pero xa con sinais e obstáculos móbiles na calzada e aparcamento.

Un equipo totalmente novo con funcións ben delimitadas

Despois que Alejandro Fernández decidise tomar parte no Autonomous Driving Challenge, o resto do equipo foise conformando a través de entrevistas das que saíron o resto de integrantes, que quedaron organizados en catro equipos: un de visión; outro del láser, que se encarga do aparcamento e detección de obstáculos; así como un de control e outro de hardware. Rematado o grao, o coordinador do equipo está actualmente traballando en robótica industrial, ademais de facelo anteriormente en condución autónoma no CTAG, aínda que prevé regresar á Universidade de Vigo para cursar un mestrado o vindeiro curso. Pola súa banda, Yasmina González, Jesús Iglesias, Carlos Lago e Raúl Riera, están cursando o derradeiro ano do grao. 

“O tema da condución autónoma chamoume a atención mentres estudaba a carreira, aínda que non pensaba que o día de mañá fose a dedicarme a el. Xurdiu de casualidade buscando un proxecto de fin de grao cando o meu titor deume a posibilidade de traballar nisto e a partir de aí empeceime a enganchar, empezoume a gustar cada día máis, ata acabar profesionalmente no mundo da condución autónoma”, explica Alejandro Fernández.

Antes de viaxar a Madrid o equipo realizou esta mañá na entrada da Escola de Enxeñería Industrial unha exhibición de algoritmos de condución autónoma na que amosaron o funcionamento do seu vehículo.