DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estará situado ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus

Convócase o concurso para o deseño do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

A súa superficie estimada é duns 6364,88 metros cadrados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Institucional
DUVI Ourense 25/04/2023

Desde a súa posta en marcha no curso 2016/2017, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo aspirou a contar cun edificio propio. No camiño para acadalo, a Universidade de Vigo vén de dar un novo paso coa convocatoria do concurso para o deseño deste novo edificio, que se construirá na parcela edificable situada na entrada do coñecido como campus sur, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense.    

A superficie estimada do novo edificio é duns 6364,88 metros cadrados construídos, repartidos nunha ou varias plantas soto, planta baixa e un máximo de catro plantas sobre rasante. Con el búscase dar respostas ás necesidades de espazo dunha escola que na actualidade conta con arredor de 220 estudantes matriculados en estudos de grao e posgrao, estando a súa docencia organizada a través de once departamentos e contando con arredor de doce grupos de investigación. Actualmente a súa sede está situada no pavillón Manuel Martínez-Risco e a súa actividade decente e investigadora repartida en diferentes edificios do campus de Ourense, onde comparten espazos e recursos con outras titulacións.

O concurso agora convocado é o de proxectos, con intervención de xurado, para seleccionar a mellor proposta para a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección de obra para a construción do novo edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e conta cun orzamento base de licitación de 390.830 euros con IVE incluído.

Aulas, laboratorios, despachos, nave e previsións

O prego de prescricións técnicas para a redacción do proxecto e dirección de obra do edificio recolle que o deseño do edificio deberá atender as necesidades que xera a construción dun edificio representativo destas características. Igualmente especifica que a proposta deberá recoller estratexias de deseño, construción e mantemento encamiñadas á sostibilidade (a optimización do rendemento enerxético, a eficiencia no uso da auga, a redución das emisións de CO2, o incremento da calidade do ambiente interior, o emprego sostible dos recursos e a sensibilización ante o impacto producido no medio ambiente, entre outras). Este esforzo de deseño, sinálase no documento, débese encamiñar á execución dun edificio de “consumo enerxético case nulo” que poida ser acreditado mediante a obtención dunha certificación internacionalmente recoñecida. O PEC (orzamento de execución de obra) máximo do edificio proxectado nas propostas que se presenten non poderá exceder os 8.308.908,75 euros (IVE incluído).

En canto aos espazos, o prego indica que o novo edificio contará con dez laboratorios docentes destinados ao ensino e oito laboratorios de investigación destinados a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais onde poder dispor de maquinaria para investigacións aplicadas no ámbito aeroespacial. Haberá catro aulas para 50 persoas; dúas aulas para 70 persoas e outras dúas para 100 persoas, 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios e unha nave taller de aproximadamente 200 metros cadrados destinada a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais e bancos de proba onde poder dispor de maquinaria pesada, ruidosa ou que necesite grandes superficies.

Tamén se contempla que o edificio contará “cun espazo de reserva para posibles necesidades da titulación ou do campus” que deberá permitir unha identificación e un funcionamento independente do resto del edificio, con dúas aulas para 50 persoas e despachos. Igualmente as propostas que se presenten ao concurso convocado terán que ter en conta un espazo de 600 metros cadrados para a posible ubicación das instalacións dun “districtict heating” para o campus. Este espazo no seu caso sería obxecto dun proxecto independente, pero as propostas que se presenten deberán propor a ubicación do mesmo, compatible coa edificación do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e os condicionantes urbanísticos.

Criterios e premios ao finalistas

O prazo de presentación a este concurso de proxectos remata o 7 de xuño. Un xurado encabezado por José Luis Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da UVigo, será o encargado de valorar as propostas que se presenten. O criterios de adxudicación e regras de valoración serán a calidade arquitectónica, o grao de flexibilidade e sostibilidade do edificio, a calidade do sistema construtivo e a coherencia da proposta arquitectónica co orzamento do edificio. O concurso contempla o pago de contraprestacións económicas aos concursantes finalistas en concepto de gastos (por elaboración de propostas e pola entrega das mesmas e a súa posta a disposición da Universidade de Vigo) por un importe máximo total de 60.000 euros, IVE excluído, habendo un primeiro premio, gañador, dotado con 30.000 euros, un segundo con 15.000, un terceiro con 7500, un primeiro accésit con 5000 e un segundo accésit con 2500 euros.