DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación ofreceu este mércores pola noite o seu concerto de Nadal

O coro do campus enche o Liceo cos seus “cantos no inverno”

Contou coa participación de 35 voces

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 22/12/2022

O Liceo de Ourense acolleu este mércores pola noite o concerto de Nadal do coro universitario do campus de Ourense Schola Cantorum, que levou por título Cantos no inverno alumean con fulgor. Numeroso público, tanto membros da comunidade universitaria, como Elena Rivo, vicerreitora do campus, como persoas alleas a ela, asistiron a esta actuación, que foi o “colofón” á actividade desenvolvida pola formación coral durante este primeiro trimestre.

Para o concerto, a directora da formación, Ruth González, escoulleu un repertorio variado, con obras que foron estreadas para a ocasión e outras pezas xa feitas noutros concertos deste curso académico. O programa estivo dividido en cantos sacros ou espirituais, cantos do mundo, cantos galegos e cantos do Nadal, abranguendo en total 12 pezas e podendo escoitares desde Adoramus te, de Jerry Estes; a canción tradicional zulú Ukuthula e a panxoliña galega Da rosa rosiña ata cancións moi actuais como Shallow, de Lady Gaga, e Terra, de Tanxugueiras.

Na actuación, de balde e aberta ás persoas interesadas, participaron “35 voces do coro ourensán, acompañadas polos mellores músicos que temos o pracer de ter ao noso carón: Alejandro Fírvida Méndez ao piano, Noel de Dios Flores na percusión, Chasua González Losada na pandeireta, Víctor Guede Garrido na guitarra e Víctor Fernández, encargado da gravación en vídeo”.