DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será na Igrexa da Asunción, ao carón da zona universitaria

O coro do campus ofrecerá un concerto de Nadal o sábado 16 de decembro

Baixo o título ' Unha rolda de Nadal: o sagrado son das voces

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Ourense 13/12/2023

Por terceiro ano consecutivo, o coro universitario do campus de Ourense Schola Cantorum ofrecerá o sábado 16 de decembro, ás 20.00 h, o seu concerto de Nadal. A actuación leva por título Unha rolda de Nadal: o sagrado son das voces, “en referencia ao poder das cancións e os textos a través das voces, que poden axudarnos a ter esperanza, ánimo e forzas e así poder afrontar todos retos que se nos poden presentar na vida”, explica a directora da formación coral, Ruth González.

Repertorio variado

O concerto, detalla a súa responsable, estará formado por “unha serie de pezas relacionadas entre si”. Concretamente, o repertorio contará con dez obras variadas. Comezará cun canon en grego, A christmas round, e o coñecido Ave María, para continuar con dúas pezas espirituais afroamericanas, Bring me little water e Silvy e swing low, sweet chariot. Seguiranlle You raise me up e o canto haitiano Wangolo. Para rematar haberá catro pezas, como son Glow, My love is always here, Da rosa rosiña e Jubilate deo.

O repertorio será interpretado polos membros do coro universitario do campus de Ourense, formado por arredor de 36 persoas, membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, acompañadas polos músicos Alejandro Fírvida, ao piano; Noel de Dios, na percusión; Julie A. Feijóo, na frauta traveseira; Adrián Rey, na guitarra, e Víctor Fernández, encargado da gravación en vídeo.

A entrada é de balde ata esgotar as prazas, estando o concerto aberto ás persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria. “Convidamos a todos os amantes da música coral a compartir con nós esta tarde de música”, sinala a directora do coro. Así, adianta, “será unha tarde de moitos estreas, con moita emoción e con sorpresas, que agardamos gocen todos os oíntes, lembrando cun cariño moi especial ao noso primeiro director e amigo Xabier Álvarez”.