DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A formación conta con 36 persoas inscritas

O Coro Universitario do campus de Ourense arranca a súa actividade

Un curso académico máis aposta por ser un espazo de relación cultural e social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 10/10/2022

Un curso académico máis o Coro Universitario do Campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco) xa está en marcha. A formación comezou os seus ensaios contando nas súas filas cos 36 persoas, tanto antigos coralistas que xa formaron parte del durante o curso pasado como novos estudantes que comezan “con ilusión e moito ánimo”. O coro retoma a súa activdade co obxectivo de ser de novo “un espazo de relación social, afectivo e cultural onde a música axuda a unir xeracións e corazóns cunha única paixón, que é o canto coral”.

Retos para este curso

Segundo explica a directora do coro, Ruth González, este curso o perfil das persoas inscritas é moi diverso: antigos estudantes, profesorado, persoal de administración e servizos, novos estudantes da Universidade (tanto de grao como do Programa Universitario de Maiores), xente que nalgún momento tivo relación coa Universidade e que a mantén a través do coro ou ourensáns interesados en participar dos eventos culturais e musicais que o coro achega á cidade. “Estamos xa desexando poder compartir coa comunidade universitaria todas as nosas novas, eventos e concertos neste curso que se nos presenta de xeito tan emocionante e interesante e poder transmitir ao público as nosas virtudes e as nosas mellores emocións”, afirma.

Sobre os retos para este curso académico, a responsable da formación sinala que “os obxectivos que teño a curto prazo son incorporar novos estudantes da Universidade e achegar o mundo da música a aqueles que non o coñecen”. Trátase, apunta, de que as persoas inscritas “vivan este proxecto coma unha familia onde de xeito colectivo compartimos os nosos mellores talentos e calidades para gozar do canto coral e fomentar as relacións sociais e persoais”. Neste senso, Ruth González explica que “para poder ter un repertorio máis atractivo de cara á xente nova, estamos preparando unhas cancións pop, bandas sonoras coñecidas, que incorporaremos ao noso repertorio básico e que agardamos poder compartir cun público diverso nalgunha actuación”.

Por outra banda, a directora da formación coral destaca que unha vez máis entre os retos que se marcan para este curso académico están “participar de todos os eventos relacionados coa Universidade e das diferentes facultades que soliciten os nosos servizos, coma un selo único de calidade e emoción, para achegar o noso pequeno grao de area ao fantástico mundo da educación universitaria”. Tamén, sinala, agardan poder compartir de novo escenario con outros coros e mesmo celebrar un encontro cun coro universitario doutra cidade, así coma poder repetir os eventos sociais e culturais do curso pasado, como son o Concerto de Nadal, a celebración do Día de Rosalía de Castro e do Día das Letras Galegas e as gradacións universitarias, apuntando neste último caso a satisfacción de poder compartir “coas nosas voces un día tan emotivo e especial para os estudantes e as súas familias”.

Repertorio variado

O repertorio deste curso, adiante a súa responsable, “constará das obras xa preparadas no curso pasado” e incluiranse “pezas de bandas sonoras, panxoliñas, música sacra, cancións pop, ademais de temas en galego e populares”. As pezas, apunta, poderán estar acompañadas de instrumentos coma o piano, guitarra, cuarteto de corda ou algunha pequena agrupación segundo as necesidades de cada caso. “Os idiomas son un referente e un selo persoal neste coro,  como sempre fixo Xabier Álvarez, o seu antigo director, e incluiremos textos en inglés, latín, vasco, africano, galego, portugués, etc..”. Cos ensaios semanais xa en marcha, Ruth González subliña que “unha boa nova é que por primeira vez comezamos os ensaios sen máscaras”.

Segundo explica a directora do coro do campus, a formación está aberta durante todo o curso académico ao alumnado e ao persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos “que queira participar nesta actividade, que achega compañeirismo, música, emoción, entretemento e distracción e que serve para liberar ansiedade, achegando unha sensación de descanso ou desconexión”. Ademais, engade, as actuacións do coro constitúen tamén “unha actividade que tamén nos achega a outros lugares fóra da contorna da cidade”.