DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao longo da fin de semana houbo unha feira divulgativa, paseos en barco e visitas á Ecimat

Unha “corrente de coñecemento” leva a ciencia mariña á rúa e á ría

Máis de 600 persoas participaron nas actividades das Xornadas de Portas Abertas do CIM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 20/11/2023

A ciencia mariña espallouse esta fin de semana por Vigo coa celebración da Xornada de Portas Abertas do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Co obxectivo de achegar á cidadanía as liñas de traballo dos grupos de investigación que forman parte do centro, deseñouse un programa de actividades para todos os públicos que comezou o venres co feira científica Coñece o CIM na rúa e continuou o sábado cos paseos divulgativos de Embárcate co CIM, actuacións ambas cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para compartir o proceso de xeración de coñecemento na investigación á sociedade. 

Con este tipo de iniciativas trátase de dar a coñecer a ciencia mariña e o traballo do persoal investigador do CIM, ademais de xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas xornadas. En total foron 600 persoas as que participaron nas xornadas de portas abertas, 400 acudiron á feira celebrada no Centro Comercial A Laxe o venres, outras 100 reservaron praza nos paseos científicos e outras 100 asistiron ás visitas guiadas ao visor subacuático Nautilus. 

Estas cifras constatan a boa acollida que ten esta proposta ano tras ano e, como explica o director do CIM, Daniel Rey, isto “demóstranos que a sociedade está interesada en coñecer o que facemos, en saber o que se fai ao lado da casa”, salienta. “O noso obxectivo é que a cidadanía coñeza o CIM e o traballo que realiza o seu persoal investigador, un labor de gran relevancia tanto a nivel nacional como internacional do que moitas veces non se é consciente. Este ano quixemos que as nosas xornadas fosen unha corrente de coñecemento mariño que espertase na cidade de Vigo o interese por descubrir a investigación que se realiza tan preto pero que ten repercusión a gran escala”, engadiu.

Unha corrente de coñecemento en A Laxe

A programación de actividades comezou o venres coa celebración no centro comercial A Laxe da feira científica Coñece o CIM na rúa, pensada para un público familiar. Nela, tanto nenos e nenas como maiores puideron participar en obradoiros de diferentes temáticas a través dos cales puideron coñecer de primeira man as propiedades das nanopartículas e como se empregan para detectar contaminantes na auga de mar, sedimentos ou peixes; recoñecer animais mariños a través dun xogo de ADN; descubrir como afecta o cambio climático á pesca dun xeito lúdico; aprender a facer fósiles mariños; saber máis da interacción entre o mar e o clima con experimentos; ou participar nun escape room para salvar o lumbrigante europeo.

Ademais, aproveitando a proximidade do visor subacuático Nautilus que a Autoridade Portuaria de Vigo ten xunto ao centro comercial, tamén se organizaron unha serie de visitas guiadas á instalación da man de persoal do CIM. A actividade, que requiría de inscrición previa encheu as 100 prazas ofertadas. 

Paseos pola ría e visita á Ecimat

As xornadas de portas abertas continuaron o sábado con Embárcate co CIM: un paseo divulgativo pola ría, no que as 100 persoas inscritas nas dúas quendas puideron navegar a bordo dun barco-aula entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto coñeceron algunhas particularidades da ría e algúns dos métodos empregados polo persoal investigador para recoller mostras de sedimento e organismos mariños. Xa na illa participaron nunha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña, onde coñeceron os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas.