DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Eixe das vinte actividades que Vicerreitoría e Facultade de Comunicación promoven nos próximos días

A creatividade toma o campus de Pontevedra

Unha conferencia e unha exposición de proxectos de innovación do alumnado abriron a programación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Charlas e seminarios
  • Cultura
  • Emprender
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/04/2023

Dar visibilidade ao proxecto de especialización do campus pontevedrés é o propósito central da Semana da Creatividade e da Innovación, un programa de actividades promovido polo Campus Crea, que nos próximos días se desenvolverá nas diferentes facultades e escolas. Gratuítas e abertas ao público, esta serie de conferencias, talleres e actividades culturais conflúe á súa vez coa programación de Culturkata, impulsada pola Facultade de Comunicación. Coa creatividade como fío condutor dunha vintena de propostas, este centro acolleu a apertura conxunta destas dúas iniciativas, que arrancaron coa presentación dunha exposición de carteis de produtos innovadores deseñados polo alumnado e cun relatorio sobre innovación tecnolóxica.

“Nesta Semana da Creatividade e da Innovación o que pretendemos é dar visibilidade ao noso campus de especialización”, salientou a vicerreitora Eva María Lantarón, responsable de inaugurar estas xornadas xunto coa decana, Emma Torres. Ademais de presentar as diferentes iniciativas que engloba esta programación, Lantarón lembrou que o Campus Crea atópase actualmente iniciando os traballos para a súa acreditación, polo que o feito de que o proxecto de especialización “teña unha repercusión tanto a nivel académico como social é para nós moi importante”. Con esta programación a Vicerreitoría celebra cada ano, lembrou, o Día Internacional da Creatividade e da Innovación, que se conmemora o 21 de abril e que é tamén unha das data en torno ás que se articula a Semana da Creatividade Culturkata, xunto co día da súa patroa desta facultade, Santa Catarina de Siena, o vindeiro venres 28. “Para nós é moi importante conmemorar esta Semana da Creatividade, que é a nosa esencia de traballo”, sinalou Emma Torres respecto dunha programación coa que buscan tamén “manter o contacto co noso antigo alumnado”, a través de actividades protagonizadas por profesionais formados no centro. 

26 exemplos de “innovación e transferencia”

Este acto inaugural completouse coa presentación da exposición Do soño á realidade. 1500 ideas, 26 propostas de novos produtos, que desde esta xornada pode verse na planta baixa da facultade. Promovida polos profesores Pedro Figueroa e Ana Dopico, esta mostra reúne 26 carteis nos que o alumnado de Publicidade e Relacións Públicas e de Comunicación Audiovisual presenta as ideas de novos produtos que deseñou nun seminario de innovación. Como explicou Figueroa, este proxecto ten como punto de partida unha tormenta de ideas na que o alumnado foi capaz de xerar “en 20 minutos, preto de 1500 ideas de novos produtos”. A partir de aí, o traballo comprende os procesos de filtrado de ideas e o desenvolvemento dos test de concepto e dos plan de márketing e de comunicación, ata chegar aos carteis que presenta os produtos que idearon e que amosan o “importante potencial creativo” deste alumnado, como sinalou Figueroa.

Propostas como a dun traxe multisensorial para realidade virtual, unha neveira ou un armario intelixente, un dispositivo electrónico que analiza o sangue e personaliza menús ou unha aplicación para traducir linguaxe de signos forman parte dos 26 produtos ideados polo alumnado, o que á súa vez, salientou Figueroa, leva a reivindicar que os profesionais da comunicación “teñen que estar nos procesos de innovación das empresas desde o principio”. Nesa mesma liña, a decana subliñou que esta actividade pon o foco en dous “aspectos básicos”, que con frecuencia o alumnado percibe de xeito “etéreo, como son a innovación e a transferencia de coñecemento á sociedade”. 

Tras a presentación desta mostra tivo lugar unha conferencia sobre innovación tecnolóxica, organizada coa colaboración da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store. Este primeiro relatorio correu a cargo da egresada facultade Noelia Vázquez, responsable de innovación aplicada da consultora tecnolóxica Capgemini, e verase continuado o vindeiro mércores 26 por unha conferencia do responsable da empresa Daveiga, Xosé Lois Lamazares. Estas dúas actividades insírense nas programacións de Vicerreitoría e Facultade, ao igual que o coloquio que este xoves protagonizarán na facultade Toni Segarra e David Torrejón. Dirixido a presentar o libro Toni Segarra y la Publicidad, esta actividade permitirá a afondar no pensamento creativo dun profesional que foi recoñecido pola revista Anuncios como o mellor creativo publicitario español do século XX. 

Semana da Creatividade e da Innovación

Esta inauguración serviu así mesmo á vicerreitora para presentar un programa de actividades que se desenvolverán "en todos os centros do campus", como lembrou Lantarón. A vicerreitora convidou así mesmo ao alumnado a “animar este xoves ao equipo do campus de Pontevedra” na Regata Cátedra Almirante Álvarez Ossorio – Trofeo Ría de Pontevedra, que a Universidade promove organiza xunto coa Escola Naval Militar. Lantarón lembrou tamén que ata o 22 de abril permanece aberta a participación no concurso de fotografía en Instagram desta Semana da Creatividade, así como na próxima convocatoria dos III Premios CREA-Creatividade e Innovación, dirixidos a recoñecer traballos e creacións interdisciplinares, promovidas por alumnado de diferentes ámbitos de coñecemento.

A programación impulsada polo Campus Crea abrangue tamén o relatorio Revolution mind: o poder do algoritmo humano, que o vindeiro martes 25 impartirá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte o fundador do Museo de Ideas e Inventos de Barcelona, Pep Torres, e xornada Emprender en medios sociais, promovida coa colaboración do proxecto HEI4Future, que terá lugar o xoves 27. Ese mesmo día arrancarán na Casa das Campás as Xornadas de Pensamento e Creación, inseridas tamén nunha programación que completan o ciclo de cine Expediente Alquimia, o taller de creatividade persoal que imparte a actriz Helen Bertels e un obradoiro de pandeireta que cubriu xa todas as súas prazas.  

Semana da Creatividade Culturkata

No referido á programación da Facultade de Comunicación, esta continuará co coloquio con Segarra e Torrejón e coa xornada A creatividade publicitaria como ferramenta transformadora e impulsora de igualdade, financiada pola Unidade de Igualdade da UVigo e coordinada polo profesor Alberto Dafonte, que terá lugar este venres. O luns 24 desenvolverase o coloquio Wedding planners: creatividade na túa voda, no que participarán as egresadas Iria Viñas e Andrea Area, e ao día seguinte terá lugar un obradoiro sobre verificación de información impartido pola xornalista especializada en alfabetización mediática Vivian Rangel, de Maldita.es. Tras a conferencia de Lamazares, Culturkata péchase o xoves 27 cun coloquio con dúas tituladas en Comunicación Audiovisual, a directora Lucía Estévez e a guionista Sara Varela. 

Pensamento e Creación

Tamén no marco da Semana da Creatividade e da Innovación, a Casa das Campás acollerá, os días 27 e 28, as Xornadas de Pensamento e Creación, que a Vicerreitoría organiza xunto coa Aula Castelao de Filosofía. Centradas no mundo do cine, abriranse cunha conferencia da cineasta Ángeles Huerta, directora de O Corpo Aberto, a película máis galardoada na última edición dos premios Mestre Mateo. Tamén na tarde do xoves, terá lugar a actuación musical de Paulo Pascual, autor da banda sonora do documental Negro Púrpura, a primeira realizada integramente cun theremín. Xa o venres, a programación continúa coa proxección do documental Doe o Courel, que afonda nos consecuencias dos incendios de 2022 e que será presentado polo seu director, Xacobe Meléndrez  Fassbender. As xornadas completaranse coa actuación musical de Samudrá Trío, unha formación integrada pola pianista Yamini Teresa Prabhu, a violonchelista Jimena Andión e a frautista Laura Lorenzo, que en 2022 era recoñecida co Premio Martin Códax na categoría de música clásica e contemporánea.