DUVI

Diario da Universidade de Vigo

#HiloTesis promove a actividade divulgadora entre o estudantado de Terceiro Ciclo

A CRUE 'reta' o alumnado de doutoramento a resumir unha tese en 20 tuits

A fase local deste concurso desenvolverase do 1 ao 23 de abril e a nacional do 21 ao 28 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/03/2021

O reto lánzao a CRUE e a creatividade deberán poñela os estudantes de doutoramento da Universidade de Vigo. A idea é que as e os alumnos que están a realizar a súa tese de doutoramento ou ben acaben de presentala, sexan quen de resumir o seu contido nun fío de Twitter. Ese é o obxectivo do concurso #HiloTesis, sintetizar o máis relevante da súa investigación en 20 tuits para dar a coñecer á sociedade o que fan, como o fan e por que.

Esta iniciativa parte da Red de Divulgación y Cultura Científica (RedDivulga) da Sectorial de I+D+i de CRUE e busca promover o desenvolvemento de habilidades de comunicación e divulgación científica de futuros doutores. En total están implicadas 45 universidades de todo o Estado e cada unha delas desenvolverá unha fase local do concurso entre o 1 e o 23 de abril. As tres primeiras persoas clasificadas participarán fase nacional, que terá lugar do 21 ao 28 de maio.

Aproveitar o potencial das redes sociais na divulgación

Trátase de aproveitar esta rede social e as súas posibilidades como canle de comunicación, adaptando o contido da tese a unha linguaxe sinxela, accesible e atractiva. As persoas participantes deberán divulgar a súa tese de doutoramento nun fío de non máis de vinte chíos coas limitacións e posibilidades que ofrece a citada rede social. 

Poderá participar todo o estudantado de doutoramento da Universidade de Vigo e das demais universidades españolas asociadas á CRUE convocantes do presente concurso, que teña superado satisfactoriamente como mínimo unha avaliación do documento de actividades e o plan de investigación (RAPI), ou que defendese a súa tese de doutoramento nun prazo máximo de seis meses anterior á data de inicio do concurso (1 de abril de 2021). 

Para participar é necesario, unha vez publicado o fío, inscribirse e facilitar a súa ligazón a través do seguinte formulario: http://bit.ly/HiloTesis2021 O primeiro chío do fío deberá citar a @RedDivulga, @UVigo e a @UCC_UVigo, e rematar cun Abro #HiloTesis.

Premios 

Na primeira fase universitaria escolleranse tres finalistas que pasarán á final nacional. Estes serán agasallados cun lote de produtos da Universidade de Vigo composto por unha bolsa de tea, un caderno, unha carpeta, unha almofadiña, unha cantimplora, un bolígrafo e un lapis. O concurso contará con tres persoas premiadas na súa fase nacional, que serán obrigatoriamente de tres universidades diferentes, e o premio será unha tableta.

Bases do certame