DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvólvese do 14 ao 17 de xuño na cidade das Burgas e en diferente puntos da provincia

Un curso achégase á historia, a arte e a etnografía de Ourense ao longo do tempo

Coa asistencia de arredor de 40 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Visitas
  • Cultura
DUVI Ourense 15/06/2023

Desde este mércores 14 de xuño e ata o sábado 17 celébrase no campus de Ourense e en diferentes puntos da provincia o curso Ourense no tempo: historia, arte e tradicións. A actividade, de carácter multidisciplinar, permite ás persoas inscritas “facer un percorrido por diferentes aspectos relacionados coa historia, a arte e as tradicións da provincia de Ourense, desde a prehistoria ata a actualidade, analizando tanto feitos históricos como artísticos e etnográficos”.  

Con 32 horas de duración e dirixida polo profesor da Facultade de Historia Xosé Ramón Campos, a iniciativa forma parte da programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que comezaron a celebrarse esta semana no campus de Ourense organizados pola súa vicerreitoría co apoio da Deputación. “O curso impártese a modo de xornadas de divulgación científica das investigacións que leva a cabo a comunidade universitaria do Departamento de Historia, Arte e Xeografía con temática relacionada coa provincia de Ourense, así como as de outros investigadores externos especializados en diversos temas relacionados tamén con esta provincia”.

Os obxectivos da actividade, na que están inscritas arredor de 40 persoas (principalmente membros da comunidade universitaria), son transmitir o coñecemento científico xerado polos investigadores e investigadoras da Universidade Vigo e outros expertos nos temas a tratar; proporcionar ferramentas e exemplos na utilización de diferentes tipos de fontes para a investigación histórica e arqueolóxica e xerar espazos de discusión co alumnado. Tamén quere contribuír ao respecto e á conservación dos bens culturais a través do coñecemento dos seus significados e valores (en liña coa Axenda 2030) e achegar instrumentos e ferramentas para a elaboración de discursos de comunicación e divulgación igualitarios e inclusivos, tamén en relación coa Axenda 2030.

Conferencias e visitas

O curso mestura charlas no campus de Ourense con outras realizadas in situ, con percorridos a pé guiados polas beiras do río Miño, polo centro da cidade de Ourense e por lugares históricos e arqueolóxicos das comarcas da Limia (Vilar, Calvos de Randín), Baixa Limia (Aquis Querquennis) e Verín (Monterrei e balnearios). A programación arrancou o mércores no campus de Ourense, con conferencias de Fermín Pérez Losada sobre as producións agrícolas (pan, viño, aceite) nas comarcas interiores de Galicia en época galaicorromana; de Andrea Mouriño sobre a representación dos traballos das mulleres nos espazos patrimoniais, e de Francisco Javier Pérez sobre os oficios e profesións no Ourense medieval (séculos XII-XV), rematando a xornada cun itinerario polo río Miño con Miguel Ángel Álvarez. Este xoves, a actividade continuou con intervencións de Ángel Domínguez sobre a organización e actividade dos talleres ourensáns de pratería na Idade Moderna e de Xosé Ramón Campos sobre a emigración a Venezuela da provincia de Ourense (1948-1960). Tamén houbo un paseo polo Ourense contemporáneo con Domingo Rodríguez Teijeiro e un achegamento á historia e arte de Ourense cidade desde o mundo antigo ata os nosos días con Marta López.

O venres a programación trasladarase a Monterrei e Verín, cunha visita guiada “ao pasado e presente da vila e fortaleza de Monterrei”, ás intervencións arqueolóxicas neste enclave e aos seus balnearios, contando con Víctor Rodríguez Muñiz, Eduardo Breogán Nieto e Carlos Barja. Por último, o sábado a actividade chegará a Porto Quintela (Bande) e Vilar (Calvos de Randín), con visitas ao campamento romano de Aquae Querquennae e á igrexa de Santa Comba de Bande, con Santiago Ferrer, e unha sesión con Juan M. Galiña sobre traballos tradicionais na aldea ourensá de Vilar. A programación pecharase cun obradoiro de Lucía Rodríguez sobre o oficio artesanal de coroceiro no val do Salas.