DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Especialistas en fisioloxía e nutrición participan nun seminario en CC da Educación e do Deporte

Un curso busca derrubar mitos sobre un dos piares do rendemento deportivo, a nutrición  

Trátase da primeira edición dunha actividade impulsada a demanda do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 04/11/2022

Xunto ao adestramento e o descanso, a nutrición constitúe un dos piares do rendemento dun deportista. Con esa idea como punto de partida, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte puxo en marcha un Curso de Nutrición Deportiva dirixido a ampliar a formación neste ámbito do alumnado do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “Xorde dun compromiso que tiñamos adquirido coa Delegación de Estudantes, que reivindican desde hai anos que necesitan certa formación en nutrición”, explica o decano, Óscar García, dunha actividade que busca ampliar os coñecementos que os estudantes adquiren nun módulo da materia de Fisioloxía do exercicio. Faino da man de “catro especialistas en nutrición” que nas xornadas deste venres 4 e do venres 11, afondan en diferentes aspectos das bases fisiolóxicas da nutrición para deportistas e no funcionamento do metabolismo, na aplicación práctica de pautas nutricionais básicas ou no correcto uso das chamadas “axudas ergoxénicas”. 

Coas súas 90 prazas cubertas, a primeira edición deste curso de 16 horas arrancou na mañá deste venres coa participación do catedrático da Endocrinoloxía da Universidade de Vigo Federico Mallo e do nutricionista Manuel Portela, que foron presentados pola presidenta da Delegación de Estudantes, Isabel Noya. 

Metabolismo e crenzas asociadas

“Os piares do rendemento nun atleta son o adestramento, o descanso e a nutrición. Os tres están intimamente relacionados e son igual de importantes para conseguir tanto unha saúde como un rendemento óptimo nun atleta”, salientou Mallo no inicio deste curso, que abriu cunha primeira abordaxe ao funcionamento do metabolismo, que completará a vindeira semana cunha sesión xa enfocada á contorna de competición. 

A pesar de que “levamos millóns de anos como especie, comendo todos os días” e de que xa “entendemos cousas moi importantes sobre como obtemos a enerxía ou que micronutrientes son imprescindibles para moitas funcións”, Mallo sinalou na súa intervención que a nutrición é un campo no que queda moito por coñecer no referido “a como cada alimento repercute directamente na saúde e no rendemento”. Neste punto, o médico e docente buscou ir máis aló da súa explicación inicial sobre como os alimentos permiten abastecer as necesidades de enerxía, hidratación ou construción de tecidos para desmentir tamén nunha serie de cuestións “que a xente supón que son dunha determinada maneira, cando son de outra”. Con esa idea, sinalou crenzas como a de que “nos atletas, as proteínas son especialmente importantes desde o punto de vista metabólico”, para pór de relevo que “no contexto occidental iso non é certo e temos de feito un exceso de proteína que supón unha serie de cambios de adaptación metabólica que ás veces non son convenientes”. Con ese mesmo propósito, o catedrático referiuse tamén á crenza de que “no deporte non se deben consumir graxas”, para lembrar que estas son “imprescindibles”, posto que son “o que dá a enerxía de base aos músculos”. 

Da definición de menús ao problema da dopaxe

Partindo deste marco xeral, Manuel Portela abordou a continuación a composición dos alimentos, pondo o foco en que nutrientes pode achegar cada un e as súas funcións, coa propósito de explorar as súas posibilidades no contexto deportivo. Nese senso, o punto de partida da intervención deste nutricionista foi a de entender a nutrición “de forma global”, xa que a “densidade nutricional e calórica dun menú” é a que “axuda a que mellore tanto a saúde como o rendemento deportivo”. De feito, apuntou á existencia de “tendencias alimentarias e falsas crenzas” que en ocasións poden “repercutir tanto na saúde cono no rendemento deportivo”, xa que o punto de partida debe ser “unha alimentación boa e global”. 

A influencia da nutrición no rendemento e na saúde é así mesmo o eixo do módulo que imparte na tarde deste venres o nutricionista Juan Martínez, mentres que a vindeira semana este curso contará coa participación do médico Diego Fernández, responsable do bloque sobre “axudas ergoxénicas”. O propósito deste módulo, explica o decano, é analizar o uso de determinados complementos que poden axudar ao rendemento deportivo “cando o nivel de esixencia é tan elevado que a propia nutrición pode quedar curta”, así como pór o foco tamén na problemática da dopaxe, no uso de “substancias que melloran o rendemento de forma ilegal e que poden provocar importantes problemas de saúde”, subliña García.